Ferido de gravidade un ciclista ao ser atropelado no Porriño
Outra persoa resultou ferida por un disparo que recibiu mentres cazaba na zona de Fontesalgueira; e unha terceira persoa está ferida grave tras sufrir un accidente coa moto que conducía en Boimorto.
Un ciclista resultou ferido logo de ser atropelado por un turismo na mañá deste domingo no municipio pontevedrés do Porriño.
Segundo informaron fontes de Protección Civil do Porriño, o ferido foi trasladado polos servizos de Emerxencia ao Hospital Álvaro Cunqueiro con traumatismo cranioencefálico e unha fractura aberta de tibia e peroné.
O accidente produciuse nun cruzamento do lugar de Torneiros, onde o coche impactou contra o ciclista cando este chegou á estrada que une O Porriño con Pontellas. Os ocupantes do turismo non sufriron feridas.
UN CAZADOR, FERIDO EN PETÍN
Unha persoa resultou ferida por un disparo que recibiu mentres cazaba na zona de Fontesalgueira, situada no municipio ourensán de Petín.
O suceso ocorreu ao redor das 13,00 horas da mañá deste domingo e ata o lugar desprazáronse os servizos de emerxencia, segundo informou o CAE 112 Galicia.
O 112 recibiu a chamada dunha persoa particular para pedir asistencia médica. Ademais da Urxencias Médicas, os xestores do Centro de Atención ás Emerxencias de Galicia informaron a Garda Civil.
ACCIDENE DE CIRCULACIÓN EN BOIMORTO
Un motorista resultou ferido de gravidade logo de sufrir un accidente de circulación na tarde deste domingo na estrada que une Corredoiras e Melide, no municipio coruñés de Boimorto.
Segundo informou o Centro de Atención ás Emerxencias 112, o accidente produciuse ás 16,00 horas deste domingo cando un coche chocou contra unha moto.
Debido ao impacto, o ocupante da motocicleta sufriu feridas de consideración, polo que tivo que ser trasladado a un centro hospitalario polo helicóptero con base en Santiago.
Tras recibir a alerta, o persoal do 112 Galicia pediu a colaboración dos axentes da Garda Civil de Tráfico e dos Bombeiros de Arzúa.
Escribe tu comentario