O soño do gran grupo lácteo galego xa é realidade
Cooperativas Lácteas Unidas (Clun), a unión de Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto, comezará a operar o 1 de xaneiro de 2017.
De esquerda a dereita: O presidente de Os Irmandiños, José Ángel Blanco; o presidente de Melisanto, Pablo Costoya; e o presidente de Feiraco, José Montes
Cooperativas Lácteas Unidas (Clun), a unión das cooperativas Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto, que busca ser un grupo lácteo de referencia en Galicia, foi constituído este venres.
Representantes das tres cooperativas --Xallas descolgouse deste acordo no seu momento-- asinaron este venres o acta da asemblea constituínte e a escritura de constitución de Clun.
O presidente de Clun será José Ángel Blanco Purriños, actual cabeza visible dos Irmandiños. O presidente de Feiraco, José Montes, será o vicepresidente, mentres que o presidente de Melisanto, Pablo Costoya, exercerá como secretario.
Desta forma cúmprense os prazos fixados polas asembleas xerais o pasado 31 de outubro, de maneira que tras a súa constitución como cooperativa de segundo grao comezará a operar o 1 de xaneiro de 2017, segundo informa Clun nun comunicado.
Clun nace cos obxectivos de integrar os seus servizos técnicos financeiros para alcanzar unha maior eficiencia dos custos de produción, optimizar as subministracións, agregar volume para mellorar a cadea de valor, así como contribuír á súa estruturación.
O novo grupo contará con participacións significativas nas sociedades Feiraco Pensos S.L., Feiraco Lácteos S.L., Clesa-Acolat, Ucoga Asesores, Delagro S.C. e Artesáns Gandeiros.
Escribe tu comentario