Demanda colectiva para reclamar gastos abusivos de tramitación de hipotecas
Preto de 90.000 usuarios, a maior parte de Abanca, poden estar afectados por estes cobros "indebidos", que se achegarían aos 2.000 euros.
A Asociación Galega de Consumidores e Usuarios (ACOUGA) presentará unha demanda colectiva para reclamar a varias entidades financeiras a devolución aos seus clientes dos gastos de formalización das hipotecas asinadas.
O secretario xeral de Acouga, o avogado coruñés Xoán Antón Pérez-Lema, sinala que preto de 90.000 usuarios, a maior parte de Abanca, e moitos de fóra Galicia, poden estar afectados por estes cobros indebidos, segundo se desprende da sentencia do Tribunal Supremo, que hai un ano anulaba estas cláusulas por abusivas.
Acouga calcula que para unha hipoteca media de 90.000 euros, o desembolso para o cliente achegaríase aos 2.000 euros, que son os que poderían ser obxecto de devolución.
Desde a asociación instan os consumidores a recuperar as facturas que certifican eses gastos de formalización, pedíndollas ao notario e ao rexistrador, e o comprobante de liquidación de imposto na Axencia Tributaria Galega.
PROCESO A SEGUIR
Segundo expón a asociación, o primeiro paso da demanda será a apertura dunhas dilixencias preparatorias e a petición por vía xudicial ás tres entidades contra as que se dirixirá a demanda- Abanca, Banco Pastor e Caixa Rural Galega- de que "se dirixan a todos os consumidores que teñan estas cláusulas nos seus préstamos hipotecarios".
A continuación, sostén Acouga, presentarase demanda ante o xulgado do Mercantil, que terá que decidir sobre a súa admisión a trámite, e que se podería demorar "uns tres ou catro meses". Despois, os consumidores poderán adherirse á demanda.
Escribe tu comentario