Javier Guerra aposta por que os membros do PP de Vigo poidan ocupar un só cargo
O candidato á presidencia do PP de Vigo reiterou o seu respaldo á transparencia; a que os cargos públicos presenten un informe de actividades semestral.
O candidato á presidencia do Partido Popular de Vigo Javier Guerra, na súa aposta pola "rexeneración" do partido, propuxo implantar como principio político que cada persoa do PP de Vigo soamente poida ocupar un cargo.
Así o comunicou a un grupo de mozos de Novas Xeracións aos que tamén trasladou o seu programa, que ten como liña estratéxica constituír un partido en Vigo "aberto e eficaz para lograr o obxectivo da Alcaldía", e onde tanto o candidato como o seu equipo "se adecuen ás necesidades da cidade por encima de calquera outro tipo de intereses".
Igualmente, reiterou o seu respaldo á transparencia; a que os cargos públicos respondan da súa actividade e presenten un informe de actividades, como mínimo, semestral; e a que os militantes poidan coñecer todas as retribucións que reciban os membros que ocupen cargos públicos en representación do PP.
"O que realmente importa é o destino do diñeiro público", remarcou, ante o que cualificou de "demagóxico" e "mostra de desconfianza" que se propoña que persoas que non ocupan cargos públicos deban ensinar a súa declaración de patrimonio. Sobre este punto, lembrou que el xa fixo público o seu patrimonio na súa etapa como parlamentario e como conselleiro.
Escribe tu comentario