Feijóo lembra a Barberá como "un referente da política municipal"
O presidente da Xunta lamenta a "moi mala noticia" do falecemento "repentino" da senadora.
O presidente da Xunta e xefe de filas do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, lamentou este mércores a "moi mala noticia" do falecemento "repentino" da senadora Rita Barberá, a quen describiu como "un dos referentes da política municipal española".
En declaracións aos medios nunha breve comparecencia sen preguntas, o mandatario mostrou a súa "consternación" por este feito e trasladou unha mensaxe de "recordo" á familia da exalcaldesa de Valencia. Con todo, puntualizou que a súa familia non a compoñen só "os seus parentes máis próximos", senón que inclúe a "a cidade de Valencia".
"Foi, sen dúbida, unha alcaldesa que deixou un sinal na maioría de barrios e rúas da cidade, e merece un respecto e unha consideración que eu, desde logo, trasládolle formalmente á súa familia e á súa cidade", salientou o mesmo día en que os deputados de Unidos Podemos abandonaron o hemiciclo do Congreso para non participar no minuto de silencio convocado tras facerse público o falecemento de Barberá.
Dito isto, Feijóo incidiu en que o de hoxe é "un día difícil, de loito, de sorpresa" por esta defunción inesperada, e puxo en valor de novo que a exrexedora "fixo moitas cousas por Valencia" e que por iso será "lembrada durante moito tempo" na súa cidade.
Para concluír, expresou o seu "respecto" e a súa "consideración" e enviou "unha mensaxe de confraternidade, de pesar e, por que non dicilo, de tristeza" pola noticia do falecemento de quen foi unha compañeira de partido ata a súa expulsión ao ser imputada polo Tribunal Supremo pola suposta corrupción do PP valenciano.
Escribe tu comentario