#Claves de la semana

Feijóo pedirá no seu discurso de investidura un "cambio de formas" no hemiciclo


O pleno arrincará este martes 8 ás 9,30 horas, e Feijóo quedará ratificado como xefe do Executivo o xoves 10 coa maioría absoluta do PPdeG e o 'non' unánime de toda a oposición.


|

Feijooysantalices


O líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, propoñerá este martes no seu discurso de investidura que Galicia sexa "un exemplo de acordos" en España, do mesmo xeito que é "exemplo de estabilidade" no contexto estatal e aínda que a "aritmética" non obrigue a iso, posto que os populares revalidaron o 25 de setembro unha maioría absoluta traducida en 41 deputados.


A man tendida ao diálogo con todas as forzas no Pazo do Hórreo será unha cuestión de fondo na que incidirá Feijóo, que esta semana quedará investido presidente da Xunta por terceira vez. O calendario fixa que quedará ratificado como xefe do Executivo o xoves 10 coa maioría absoluta do PPdeG e o 'non' unánime de toda a oposición.


Á marxe do "fondo" no debate parlamentario, o actual presidente da Xunta en funcións, que prepara o seu discurso na residencia oficial de Monte Pío e co seu equipo habitual, defenderá un cambio de "formas" no hemiciclo da Cámara, despois dun mandato no que viviu escenas moi tensas con algúns portavoces da oposición.


Con especial intensidade confrontou co histórico dirixente Xosé Manuel Beiras, portavoz de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), cuxos "insultos" censurou reiteradamente e quen chegou a tachar ao líder popular galego de "chulo de barra americana" nunha sesión plenaria.


"PRÓXIMO" Á CIDADANÍA


Fontes populares avanzan que Feijóo empregará tres alicerces no seu discurso: chamará ao diálogo e a evitar os excesos no debate parlamentario, pero tamén pronunciará unha intervención próxima aos cidadáns e falará "de futuro".


No seu obxectivo de buscar un discurso "próximo", evidenciará que é "consciente" de que aínda hai galegos que "non perciben a recuperación". Así, "unha das súas primeiras reflexións" irá destinada aos cidadáns con menos recursos, desempregados e para quen, aínda cun posto de traballo, sofren dificultades económicas.


"MÁIS POLÍTICA DE FAMILIA"


Pero Feijóo, quen considera que o balance das políticas que impulsou desde 2009 xa foi "avaliado polas urnas", tamén falará "de futuro" pensando en que, ademais de que "hai que traballar para seguir mellorando a Galicia actual", hai que prepararse tamén "para o mañá".


Neste sentido, "falará do crecemento completo e ordenado con máis política de familia" co reto de consolidar Galicia "como o mellor sitio para nacer e vivir". Tamén buscará concretar un posicionamento nos debates estatais que "están a piques de abrirse", en cuestións como o financiamento autonómico.


POSTURA DOS GRUPOS


Pola súa banda, a oposición avanzou que rexeitará a investidura de Feijóo. Ademais, este mesmo luns, o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, avanzou que defenderá que a recuperación económica ha de ser algo "inclusivo" e, por tanto, chegar a "todos os galegos".


Nos corredores da Cámara, Leiceaga comentou que espera que Feijóo expoña "unha proposta continuista" sen saírse "demasiado dos carrís que trazou durante a campaña". Fronte a iso, avogará por seguir "un camiño diferente". De feito, a xuízo do deputado socialista, "a clave" desta lexislatura é conseguir que "ninguén" quede "atrás".


O seu homólogo en En Marea, Luís Villares, considerou que "basta con facer un repaso á diagnose política, social, laboral e demográfica" de Galicia para darse conta que "calquera proposta que poida facer o candidato Feijóo" será "continuista co estado de emerxencia" no que "deixou o país tras as súas dúas lexislaturas". "Iso levaranos a opoñernos a calquera tipo de proposta nese sentido", subliñou.


Tamén a portavoz parlamentaria do BNG, Ana Pontón, avanzou, tras a Xunta de Portavoces do pasado venres, a súa intención de incidir "nas contradicións" políticas de Feijóo e, en clave propositiva, avanzou iniciativas en materia de financiamento, e sinalou como prioridades investigar na Cámara o accidente ferroviario de Angrois e o ocorrido coas caixas de aforros.


En fronte, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, coincidiu co seu xefe de filas en expor a "man tendida ao diálogo" á oposición e aludiu a ámbitos concretos de acordo como o financiamento (preocupación de varios grupos), a aposta polo medio rural e a educación.


CALENDARIO E TEMPOS DO PLENO


Conforme a distribución de tempos aprobada, o pleno arrincará este martes 8 ás 9,30 horas, para que Feijóo, candidato proposto polo PPdeG ao xefe do Lexislativo, Miguel Santalices, pronuncie o seu discurso de investidura. Tras o mesmo, suspenderase a sesión, que se retomará 48 horas despois.


Deste xeito, os grupos responderán o xoves 10 ao presidente. Para iso, terán en cada caso unha primeira quenda de 35 minutos antes de que Feijóo lles dea a réplica. Pode elixir facelo de forma global ou invidualizada e, de feito, a portavoz parlamentaria do BNG, Ana Pontón, xa subliñou que a segunda vía "favorecería o debate con cada un dos grupos".


A continuación, cada grupo terá unha contrarréplica de 10 minutos e Feijóo volverá ter a palabra nunha quenda final. A votación posterior será nominal por chamamento a cada deputado, que ten que dicir cal é o sentido do seu voto. O previsible é que o líder do PPdeG quede investido presidente coa maioría absoluta dos seus 41 deputados, xa que toda a oposición avanzou que dirá 'non' a un novo mandato de Feijóo.


INCÓGNITA SOBRE O GOBERNO 


A gran incógnita segue a ser a composición do Executivo de Feijóo, que dará a coñecer o domingo, segundo subliñou este luns Pedro Puy, o partavoz parlamentario do PPdeG. Ademais, Puy destacou que é competencia de Alberto Núñez Feijóo elixir os seus conselleiros para a próxima lexislatura, e que "non esperan nada". 


En todo caso, si trasladou a súa "confianza" en que Feijóo, como xa fixo nos seus dous anteriores mandatos, "elixa ás mellores persoas para colaborar no desenvolvemento do proxecto político do PPdeG desde o Goberno da Xunta".

relacionada ​O PSdeG non propoñerá candidato e votará 'non' á investidura de Feijóo
relacionada ​O BNG opoñerase á investidura de Feijóo e será a voz da Galicia "rebelde"
relacionada Villares: "Defenderemos o dereito dos galegos a ser un pouco máis felices nun país xusto"
Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE