Por cada hora de estudo, un euro para construír escolas en Ecuador
A USC súmase este sábado á Olimpíada Solidaria de Estudo. O ano pasado foi a terceira entidada española que máis diñeiro recadou.
A Universidade de Santiago (USC) volverá sumarse este sábado á Olimpíada Solidaria de Estudo, unha campaña de sensibilización e solidariedade pola que por cada hora de estudo en bibliotecas dos campus de Compostela e Lugo doarase un euro para o desenvolvemento de proxectos solidarios.
Esta campaña, segundo informa a institución académica, creada pola ONGD Coopera, empezará este sábado día 5 de novembro e estenderase ata o 5 de decembro, coordinada na USC polo Servizo de Participación e Integración Universitaria (Sepiu).
Este ano, as horas de estudo que se contabilicen en Galicia servirán para axudar a reconstruír tres escolas de Ecuador que quedaron destruídas a causa do terremoto do pasado mes de abril.
Trátase, en concreto, do Centro de Formación Artesanal Ángela Rosa Cevallos e as escolas Elios Puertas e Sacra Familia. As tres, segundo indica a USC, atópanse na provincia de Manabí, unha das máis pobres de Ecuador.
Para facer o cómputo total das horas habilitouse un terminal informático, no que o alumnado ten que introducir o seu Cartón Universitario de Identidade (TUI) á entrada e saída das salas de estudo.
Para que se poida realizar o cómputo o alumnado deberá acumular, segundo puntualiza a USC, como mínimo unha hora e un máximo de catro, período tras o que deberían volver introducir o cartón se queren seguir contabilizando horas.
A USC lembra que foi a terceira entidade do Estado español que máis diñeiro recadou na edición do ano pasado da Olimpíada, con 33.977 euros a través da participación de 3.033 estudantes, dos que 2.124 eran mulleres.
Escribe tu comentario