En marcha a investidura galega
Santalices convoca a rolda de consultas e inicia os trámites para designar a Feijóo candidato. A segunda semana de novembro haberá presidente.
O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, dirixiuse este mércores por escrito aos representantes das catro formacións políticas que conforman o arco parlamentario do Pazo do Hórreo para pedirlles que designen representante para participar na rolda de consultas previa á designación formal do candidato á Presidencia da Xunta.
O presidente do Parlamento recibirá individualmente os representantes das forzas políticas a partir das 10,00 horas deste venres 28 de outubro e comunicará a decisión unha vez finalizadas as entrevistas e oída a Mesa da Cámara.
Este mesmo venres, ao mediodía, constituirase a Xunta de Portavoces da X Lexislatura, unha reunión que se aproveitará para a realización dos trámites previos á constitución formal das comisións, prevista para a xornada do mércores 2 de novembro.
A primeira reunión da Mesa da Cámara está prevista para o xoves 27 de outubro ás 18,30 horas. O seu obxectivo será ratificar a constitución dos grupos parlamentarios, unha vez culminados os trámites que dan lugar á súa conformación.
SEGUNDA SEMANA DE NOVEMBRO
Con este paso, Santalices activa a maquinaria parlamentaria para a designación formal do popular Alberto Núñez Feijóo como candidato a presidir a Xunta por terceira vez, despois de revalidar a maioría absoluta nas urnas o pasado 25 de setembro.
Nesta conxuntura trabállase coa previsión de que a sesión de investidura se celebre a segunda semana de novembro, paso previo a que Feijóo tome posesión do seu cargo e nome ao seu novo Goberno.
Escribe tu comentario