Lidia Senra defende a regulación pública da produción láctea galega
Senra sinala que esta semana tan só un nove por cento dos gandeiros galegos pediron a subvención da UE para a redución de produción láctea.
Dez eurodeputados, entre eles Lida Senra (AGEe), rexistrou unha declaración por escrito en defensa dunha regulación pública da produción láctea --en base ao artigo 136 do regulamento do Parlamento europeo--.
Agora ábrese un prazo de tres meses ata o 12 de decembro para que os impulsores desta iniciativa obteñan o apoio de polo menos a metade máis un dos eurodeputados da Cámara, en total son 376 firmas mínimas necesarias.
O texto tamén está promovido polos deputados do Grupo Confederación da Esquerda Unitaria Europea Miguel Viegas, Joao Ferreira, Ángela Vallina, Fabio de Masi, Joao Pimenta Lopes, Neoklis Sylikiotis e Takis Hadjigeorgiu, así como José Bové (do grupo dos Verdes) e Marc Tarabella (socialdemócrata).
No escrito, remárcase que nos últimos anos miles de gandeiros víronse obrigados a abandonar as súas explotacións debido á "liberalización" do sector e as solucións "totalmente inadecuadas" das administracións.
A modo de exemplo, Lida Senra sinala que esta semana tan só un nove por cento dos gandeiros galegos pediron a subvención da UE para a redución de produción láctea, o que "corrobora" que a solución "non pasa por subvencionar o peche de explotacións leiteiras".
De tal forma, os impulsores desta proposta urxen adoptar medidas para "axustar a oferta á demanda", "contrarrestar de forma inmediata o 'dumping' entre os Estados membros", así como "garantir unha distribución equitativa do valor engadido ao longo da cadea de valor do sector".
Escribe tu comentario