Losada admite "decepción" e cre que a "inxusta" lei electoral os deixou fóra
Losada asegurou que unha lei "obsoleta" fai que "case 50.000 galegos queden sen representación no Parlamento".
A candidata de Ciudadanos á Presidencia da Xunta, Cristina Losada, admitiu sentir "decepción" ao non obter esta formación representación no Parlamento galego, algo que vinculou cunha lei electoral "inxusta".
Na súa comparecencia ante os medios de comunicación e ante o case medio centenar de militantes e simpatizantes do partido que se reuniron no hotel onde a formación seguiu a noite electoral, Losada asegurou que unha lei "obsoleta" fai que "case 50.000 galegos queden sen representación no Parlamento".
Con todo, non considerou "un fracaso" os resultados, sinalou tras felicitar, previamente, ao partido "gañador", en alusión ao PPdeG. Así, dixo que o seu electorado non quedará "sen voz". "Imos traballar para eles e para que dentro de catro anos podamos entrar con forza no Parlamento de Galicia", engadiu.
Preguntada polo feito de que, a pesar das súas denuncias sobre os casos de corrupción no PP, esta formación obtivese de novo a maioría absoluta, subliñou que "non é a primeira vez que un partido con moitos casos corrupción consegue manter a súa maioría".
Escribe tu comentario