Máis de 7.000 hectáreas calcinadas en tres días e medio
Cinco lumes seguen fóra de control, un con risco para casas, dous estabilizados e seis controlados.
Incendio de Monterrei // @JesusVivel
A vaga de incendios forestais que sofre Galicia desde este luns é xa máis voraz que a da segunda semana de agosto, ao calcinarse xa máis de 7.000 hectáreas en tres días e medio, fronte ás ao redor de 6.000 que arderon nese mesmo espazo de tempo o mes pasado.
Así as cousas, nestes momentos a Xunta informa de que a denominada 'situación 2' por risco para as casas está activada no lume de Entrimo (Ourense), que queimou 2.800 hectáreas, delas 500 arboredos.
Aínda na provincia ourensá, a máis castigada pola vaga de incendios, en Oímbra as chamas arrasaron 2.000 hectáreas, nun lume que tamén segue activo, como en Lobeira, onde foron 25 as hectáres que se viron afectadas.
Estabilizados, que non controlados, están os lumes de Monterrei, con 350 hectáreas calcinadas, e Boborás, con 600. Mentres, déronse por controlados incendios en Navia, Lugo (con 90 hectáreas ardidas); A Fonsagrada e Chantada, tamén en Lugo (104 e 106,44 hectáreas, respectivamente); Muíños (con 800 nun foco e 45 noutro)/noutro); Lobeira (con 75); O Carballiño (40,8) e O Barco, todos eles en Ourense (25).
O incendio forestal de Boiro, que arrasou 32 hectáreas, 12 delas arborizadas, deuse por extinguido na última hora. Esta localidade viuse moi afectada pola onda de agosto, cun gran lume que obrigou a desaloxar vivendas.
MEDIOS
Pola súa banda, o Ministerio de Agricultura enviou cinco aeronaves para combater o incendio en Entrimo. Son catro anfibios de 5.500 litros de capacidade de descarga e un de comunicacións para a toma de imaxes do sinistro.
Tamén na comunidade galega, o departamento mantén un helicóptero de 4.500 litros de capacidade para colaborar nos labores de extinción en Navia.
SITUACIÓN 2
Entrimo
Permanece decretada a Situación 2, como medida preventiva, no lume activo agora no concello de Entrimo, parroquia da Illa. O lume comezou o martes ás 18:46 horas e tamén afecta o municipio lindeiro de Lobios. Segundo novas estimacións, a superficie afectada é de 2.800 hectáreas, das cales 500 son arborizadas. No seu control traballan 15 axentes, 48 brigadas, 28 motobombas, 2 pas, 8 helicópteros e 4 avións. Tamén colaboran efectivos dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais e bombeiros comarcais.
ACTIVOS
Navia
Desactivada a Situación 2 no incendio rexistrado onte ás 21:08 horas no concello de Navia de Suarna, parroquia de Rao, e que agora permanece activo. Segundo as primeiras estimacións, a superficie afectada é de 90 hectáreas. No lugar levan traballado 1 técnico, 7 axentes, 20 brigadas, 12 motobombas, 1 pa e 3 helicópteros. Tamén colaboran efectivos dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais.
Oímbra
Permanece activo o lume do concello de Oímbra, parroquia de Bousés, que comezou o martes ás 14:05 horas da tarde. Segundo últimas estimacións, afecta unha superficie de 2.000 hectáreas. Nos labores de extinción levan participado 3 técnicos, 20 axentes, 51 brigadas, 18 motobombas, 3 pas, 10 helicópteros e 4 avións. Tamén colaboraron efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME), medios da Deputación de Ourense, bombeiros municipais e efectivos de Protección Civil.
Lobeira
Ás 7:00 horas desta mañá comezaba un novo lume no concello de Lobeira, parroquia do Bosque, que agora está activo. Segundo as primeiras estimacións, a superficie é de máis de 25 hectáreas. No lugar levan traballado 3 axentes, 3 brigadas, 3 motobombas, 1 helicóptero e 2 avións.
ESTABILIZADOS
Monterrei
Desactivada a Situación 2 no lume de Monterrei, parroquia de Vences. Iniciouse ás 13:56 horas de onte e quedou estabilizado ás 7:22 horas desta mañá. Segundo novas estimacións, a superficie afectada é 350 hectáreas, das cales 105 son arborizadas. No seu control levan traballado 2 técnicos, 8 axentes, 19 brigadas, 11 motobombas, 1 pa, 5 helicópteros e 4 avións. Tamén colaboran efectivos de Protección Civil e bombeiros comarcais.
Boborás
Desde as 11:00 horas está estabilizado o lume rexistrado no concello de Boborás, parroquias de Brués e Xurenzás, tras comezar ás 16:44 horas de onte. Segundo novas estimacións sitúase nas 600 hectáreas. No seu control levan traballado 35 axentes, 74 brigadas, 49 motobombas, 2 pas, 4 helicópteros e 2 avións. Tamén colaboran efectivos de Protección Civil e de Grupos de Emerxencia Supramunicipais.
CONTROLADOS
Boiro
Controlado ás 06:10 horas desta mañá un lume que comezou onte ás 21:26 horas no concello de Boiro, parroquia de Bealo. Segundo as primeiras estimacións, a superficie afectada é de 32 hectáreas, das cales 12 son arborizadas. No lugar están a traballar 1 técnico, 7 axentes, 19 brigadas e 13 motobombas.
A Fonsagrada
Controlado desde as 21:38 horas de onte o incendio rexistrado en Fonsagrada, parroquia de Paradavella, que comezou ás 08:34 horas dese día. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 104 hectáreas, das cales 44 son arborizadas. No lugar levan traballado 1 técnico, 5 axentes, 26 brigadas, 20 motobombas, 2 pas, 6 helicópteros e 3 avións.
Chantada
Continúa controlado desde as 06:11 horas do luns o incendio rexistrado na localidade lucense de Chantada, parroquia de Requeixo, que se iniciaba o domingo ás 15:04 horas. Segundo as últimas estimacións provisionais, a superficie afectada é de 106,44 hectáreas, das cales 49,14 son arborizadas. Levan traballando na súa extinción 1 técnico, 10 axentes, 46 brigadas, 20 motobombas, 4 pas, 13 helicópteros e 3 avións.
Muíños
O lume rexistrado no concello de Muíños, parroquia de Requiás, declarouse ás 06:45 horas do martes e quedou controlado ás 19:30 horas de onte. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de máis de 800 hectáreas, todas elas dentro do Parque Natural do Xurés. No seu control traballaron 2 técnicos, 8 axentes, 36 brigadas, 8 motobombas, 3 pas, 10 helicópteros e 7 avións. Tamén colaboraron efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME), de Protección Civil e Grupos de Emerxencias Supramunicipais.
Tamén quedou controlado ás 9:05 horas desta mañá o lume rexistrado en leste mesmo concello, parroquia de Parada de Ventosa, tras iniciarse ás 18:00 horas de onte. Segundo novas estimacións, a superficie afectada é de 45 hectáreas. Levan traballando no seu control 3 axentes, 8 brigadas, 7 motobombas e 1 helicóptero.
Lobeira
Controlado ás 13:10 horas de onte o incendio de Lobeira, parroquia do Bosque, que comezaba esa madrugada ás 00:00 horas. Segundo as últimas estimacións, a superficie afectada é de 75 hectáreas. Participan na súa extinción 7 axentes, 19 brigadas, 12 motobombas e 3 helicópteros.
O Carballiño
O martes ás 22:18 horas comezaba un lume no concello do Carballiño, parroquia de Lobás, que quedaba controlado onte ás 18:51 horas e cuxa superficie afectada é de 40,8 hectáreas, das cales 38 son arborizadas. Na súa extinción levan participado 5 axentes, 12 brigadas e 10 motobombas.
O Barco de Valdeorras
Esta madrugada quedaba controlado un incendio no Barco de Valdeorras, parroquia do Barco, tras comezar ás 17:35 horas de onte. Segundo as primeiras estimacións, afecta unha superficie de 25 hectáreas, das cales 20 son arborizadas. Levan traballando alí 8 axentes, 17 brigadas, 6 motobombas e 1 helicóptero.
Escribe tu comentario