"Queremos que a Lei de Identidade de Xénero non sexa inferior á doutras autonomías"
Varias asociacións están elaborando un borrador dunha norma que supere a aprobada no 2014, que non cubriu as expectativas nin as necesidades do colectivo LGBTI.
Despois de anos de loita, o colectivo trans galego anuncia que van presentar no Parlamento un borrador para unha futura Lei de Identidade de Xénero. A iniciativa nace do traballo de varias asociacións e activistas do ámbito trans, técnicos de educación, dereito, sanidade e xénero.
Fixérono público este mércores nunha rolda de prensa, desde a que solicitaron "oficialmente unha reunión nos vindeiros días con cada representante dos partidos políticos ou candidatos á Xunta para que asinen un compromiso" para impulsar esta norma proposta.
Cristina Palacios, presidenta de Arelas (Asociación de familias de menores trans) manifestou que moitas persoas, entre elas menores, seguen a ser "rexeitadas e maltratadas no ámbito familiar, acosadas no ámbito educativo" e a sufrir outras formas de discriminación por mor da súa identidade de xénero.
Por iso, a súa proposta pretende ser transversal, ao xeito da lexislación que se veu aprobando noutras autonomías, que son "un paso adiante para o recoñecemento en todos os ámbitos da vida" e que inclúen "unha carteira de servizos e políticas públicas a favor da inclusión das persoas trans na sociedade".
Ao respecto da lei que saia dese borrador, Sara Romero, presidenta de Transforma Unión Trans, sostivo que o desexo é "que non aproben unha lei inferior á que se aproba noutras autonomías". Para iso, pediu "altura de miras" aos políticos galegos aos que pediran un compromiso por escrito. "Sería moi difícil de vender que se vai aprobar unha lei con menos dereitos que noutras comunidades", reflexionou.
A día de hoxe o que se fai, ao seu xuízo é "mandar o problema a outro lado". "Enfrontámonos a listas de espera de 10 anos, mándannos a Málaga e alí temos o trato que temos", denunciou Sara Romero.
Sobre o borrador, Cristina Palacios indicou que pode estar "perfectamente listo" en 2 ou 3 meses, e que se trata dun texto de carácter integral "onde se vai falar de todos os ámbitos da vida", pois defendeu que "non queremos tolerancia, queremos respecto".
Na presentación, enumeraron as "10 medidas básicas" que pretenden que asinen os políticos galegos, e que son as que seguen:
1- Aprobación no 1º ano de lexislatura da lei galega de identidade de xénero consensuada co colectivo LGTBI galego.
2- A carteira de servizos médicos garantirá a despatoloxización da transexualidade, os tratamentos específicos e, no seu caso, cirurxías de rexeneración sexual necesarias en todas as etapas da vida. Así mesmo, a creación dunha unidade asistencial de referencia para a identidade de xénero, que se especialice na formación dos profesionais sanitarios, a creación de guías de recomendacións e a execución das cirurxías requiridas
3- A inclusión da diversidade sexual e de xénero nos currículos educativos e nos plans de estudos das universidades. Unha forma de prevención das situacións de acoso ou bullingque se dan desde as primeiras etapas nos centros educativas.
4- Creación dunha documentación identificativa transitoria para os residentes en Galicia que non se sintan identificadas co nome e o xénero rexistrado.
5- Creación dun observatorio LGTBI de investigación, control, asistencia integral e asesoramento xurídico que vele polo cumprimento das leis e da recuperación e mantemento da memoria histórica da loita do movemento LGTBI galego.
6- Traballar transversalmente a sensibilización social e a visibilización do colectivo LGTBI a través de plans de prevención e erradicación da LGTBI-fobia para as administracións públicas e as súas traballadoras, con especial atención aos educadores e educadoras, traballadoras sociais, persoal sanitario e corpos de seguridade.
7- Realización de plans galegos de fomento do emprego, autoemprego e de medidas fiscais compensatorias para a inserción laboral das persoas trans de Galicia.
8- Fomentar a sensibilización, visibilización e participación na cultura, o deporte e os medios de comunicación, así como promover a creación da cultura e a literatura da temática LGTBI.
9- Creación dun plan de inclusión social que loite contra o estigma e a discriminación das persoas trans que se atopen en risco de exlusión social. Con especial interese naquelas persoas que exercen a prostitución en contra do seu desexo, inmigrantes, refuxiados, reclusos, persoas afectadas polo VIH, etc. para os que se necesita unha maior dotación económica.
10- Dotar dun réxime sancionador a lei galega de identidade de xénero, que recolla especificamente a discriminación, a exclusión social e todo tipo de violencia por mor da identidade sexual ou de xénero.
Escribe tu comentario