Villares promete rescatar a sanidade "dinamitada e privatizada por Feijóo"
Comprométese a "rescatar" o Cunqueiro da privatización, un plan de choque urxente para reducir as listas de espera e unha reforma da Atención Primaria.
En Marea prometeu este xoves rescatar para o sistema público a sanidade "dinamitada e privatizada por Feijóo", así como acometer unha serie de medidas para combater as listas de espera e mellorar a atención, entre elas, repoñer as centos de prazas de profesionais que desapareceron nos últimos anos.
Así o manifestaron o candidato de En Marea á presidencia da Xunta, Luís Villares, e a número 3 desta formación pola provincia de Pontevedra, Eva Solla, en declaracións aos medios, tras manter unha reunión con membros da Xunta de Persoal do Chuvi e da Plataforma SOS Sanidade Pública, no Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC) de Vigo.
Villares denunciou que as políticas do PP na Xunta destruíron "completamente" o sistema sanitario público, "causando gran sufrimento" ás persoas que, por exemplo, non poden recibir os tratamentos que necesita, ou que engrosa as avultadas listas de espera.
"É inaceptable que haxa listas de espera, mentres seguen camas pechadas, que a xente siga esperando mentres temos recursos e bos profesionais", proclamou, e prometeu que En Marea garantirá o acceso universal á sanidade pública, rescatará para o sistema público o control de toda a sanidade "privatizada", empezando polo Hospital Álvaro Cunqueiro, reformará a Atención Primaria e elaborará un plan de choque urxente para reducir as listas de espera.
PRECARIEDADE
Pola súa banda, Eva Solla referiuse á "precariedade" da maioría de traballadores da sanidade pública e sinalou que En Marea mellorará as condicións destes profesionais, e comezará a repoñer, mediante unha Oferta Pública de Emprego, "todos os postos eliminados", empezando polos servizos con necesidades máis urxentes.
A candidata lembrou que, nos últimos anos, perdéronse uns 1.800 empregos na sanidade pública galega e apostou por recuperar esas prazas ou mesmo crear prazas novas onde sexa necesario. "Que Feijóo diga que as camas son importantes nos hoteis, e non nos hospitais, é un insulto", denunciou.
Finalmente, os membros da candidatura de En Marea confirmaron a súa presenza, o sábado, na 'manifestación-romaría' que se celebrará nas inmediacións do antigo Hospital Xeral, convocada pola Xunta de Persoal e SOS Sanidade Pública, para reclamar o rescate do HAC e en defensa da sanidade pública.
Escribe tu comentario