Os vehículos dos axentes medioambientais en Galicia non están 'á altura'
Reclaman dende APRAFOGA que reciben multas de tráfico por exceso de velocidade que os propios traballadores teñen que abonar debido á falta de identificación dos furgóns como vehículos prioritarios nas estradas.
Vehículo provisto de rotulación e rotativo // @APRAFOGA
APRAFOGA vén de denunciar en Twitter que os furgóns de cola de Galicia non están á altura dos de comunidades coma Cataluña, Baleares, Madrid ou Murcia. Os furgóns dos que dispoñen actualmente os Axentes Medioambientais galegos carecen de rotulación e rotativos, aseguran dende a asociación, o cal "dificulta o desprazamento" ata os lugares afectados por incendios forestais, pois "teñen que circular coma un vehículo non prioritario, acatando límites de velocidade e adaptándose ao tráfico nas estradas", cando en verdade están realizando unha labor de auxilio, argumentan.
Cataluña, Baleares, Madrid, Murcia,agora Val de Arán...E Galicia?Furgón de cola da imaxe dos #AxentesMedioambientais pic.twitter.com/sTMb9Agp6p
— Aprafoga (@APRAFOGA) 25 de agosto de 2016
Esta falta de identificación desemboca en sendas multas de tráfico, según comentan, que ademais teñen que pagar "do seu propio peto". Din que unha vez recibida a multa si se pode tramitar a abstención a través da tramitación dun prego de descargo coa correspondente xustificación, pero a situación din, podería evitarse coa incorporación aos vehículos existentes da debida sinalización.
Ademais, dende APRAFOGA quéixanse de que os vehículos que empregan son antigos, o cal, din, "non sería un problema" se non fose porque deben someterse a "reparacións múltiples" e "carecen de aire acondicionado". Por outra banda, ao ser coches "da Xunta" pasan as inspeccións técnicas facilmente "pese aos problemas" que presentan.
Escribe tu comentario