Ana Pontón considera anecdótico o apoio de xente do BNG a Villares
A candidata do Bloque séntese "querida, reforzada e moi apoiada" internamente. Se dan os números, están dispostos a entrar nun goberno que releve ao PP.
Ana Pontón, na feira do Libro da Coruña. //Foto: @obloque twitter
A portavoz nacional do BNG e candidata á presidencia á Xunta, Ana Pontón, reiterou a disposición desta formación para "formar parte" dun goberno alternativo ao PPdeG no caso de que este non obteña a maioría absoluta nas eleccións autonómicas do 25 de setembro.
Con todo, preguntada polo apoio trasladado por algúns membros do BNG ao candidato de En Marea, --como o responsable local desta formación na Pastoriza, Diego Fernández, ou o exalcalde de Monforte de Lemos, Severino Rodríguez--, manifestou sentirse "moi apoiada por toda a organización".
Sobre estas manifestacións, dixo ter a sensación "de que hai un interese moi grande en poñer o foco, no canto de nas alternativas, en conversacións de barras de bar". A colación, remarcou, sentirse "querida, reforzada e moi apoiada" por "toda a organización".
SITUACIÓN EN FENE
Mentres, preguntada pola situación en Fene, onde o alcalde, o nacionalista Juventino Trigo, cesou os seus socios de goberno --PSOE e Somos Fene-- evitou pronunciarse remitíndose á rolda de prensa do rexedor.
Con todo, rexeitou que a política local sexa "un reflexo dos cambios que se poidan producir a nivel de Galicia". Así, manifestou que, no caso de que o PPdeG non obtivese a maioría absoluta, están dispostos "a formar parte dunha alternativa a ese goberno".
BNG, PARTIDO "SÓLIDO"
Con todo, defendeu falar de "propostas e alternativas" nestes comicios polo que, co mesmo argumento, rexeitou pronunciarse sobre as diverxencias entre Podemos e En Marea sobre un posible proceso de confluencia.
Así, remarcou que o BNG está para falar das súas "alternativas". "Somos unha forza política sólida, cun programa definido", insistiu na súa visita á Feira do Libro da Coruña e o Salón do Cómic.
Pontón aproveitou esta visita para denunciar os "recortes"do PP en relación a este sector e reclamou que en 2017 se destinen fondos para que o investimento "chegue aos niveis de 2009". "E recuperar as políticas de normalización lingüística", insistiu.
Escribe tu comentario