Crecen as denuncias contra o machismo
Máis de 14 mulleres denuncian cada día situacións de violencia de xénero en Galicia. Entre elas, baixa o número das que se acollen ao dereito de non declarar.
Os xulgados galegos recibiron no primeiro trimestre do ano 1.355 denuncias por violencia de xénero, un 4,6% máis que no mesmo período do ano anterior, cando se presentaron 1.295. Descende, con todo, o número de mulleres que aparecen como vítimas, de 1.156 nos tres primeiros meses do ano pasado ás 1.139 deste ano.
Segundo os datos estatísticos feitos públicos hoxe polo Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero, en Galicia diminúen os casos de vítimas que se acollen á dispensa para non declarar. Se nos tres primeiros meses de 2015 optaron por esta opción o 5,7% das mulleres, este ano a porcentaxe reduciuse ao 3,7%.
Galicia segue a ser unha das comunidades cunha taxa de violencia de xénero (mulleres vítimas por cada 10.000 mulleres) máis baixa do Estado, con 8,09 persoas, fronte ao 13,5 do conxunto do Estado. Con respecto ao ano pasado, a taxa descendeu na comunidade dun 9,25 ao 8,09 mencionado.
Durante o primeiro trimestre do ano solicitáronse 430 ordes de protección nos órganos xudiciais da comunidade, fronte ás 396 do mesmo período do ano pasado. Das 430, 370 (que inclúen tamén as medidas de protección e seguridade das vítimas) foron solicitadas nos xulgados de violencia sobre a muller e outras 60 foron nos xulgados de garda. De xaneiro a marzo deste ano foron axuizadas 141 persoas, e delas o 75% condenadas, fronte ao 67% do ano pasado.
Escribe tu comentario