Cre vostede que segue España a ser unha democracia?

Antonio-Carlos Pereira Menaut

Lemos estes días nos medios que o Senado do Brasil aparta do goberno á presidenta Dilma Roussef. E o primeiro que nos preguntamos é se iso sería posible en España. E resulta que non o sería pois, para empezar, o noso prescindible Senado non ten esa función (nin ningunha apreciable).


Lonxe do Brasil, en Francia, e ante as medidas antisociais que se aveciñan, hai a diario manifestacións, mesmo enérxicas, protagonizadas por traballadores e tamén por universitarios. Non faltan deputados na maioría gobernamental que se opoñen, e o primeiro ministro Valls, ante a resistencia parlamentaria ao seu proxecto de lei, ten que acudir ao dubidoso artigo 49.3 da súa Constitución, que lle permite subtraerse ao voto da Asemblea Nacional. Outro caso impensable hoxe aquí.


Como tampouco sería pensable o que sucede ultimamente en Grecia: ante as novas reformas prodúcense importantes manifestacións contra o goberno e o partido Syriza; manifestacións, mesmo, da policía.


Máis impensable aínda? En Gran Bretaña, con motivo do Brexit, moitos conservadores se opoñen a Cameron e mesmo fan campaña en contra, incluíndo algún ministro. E non son sancionados nin expulsados do partido.


E aquí? Aquí escandalizámonos da involución de Hungría ou da extrema dereita en Austria, mentres seguimos repetindo acríticamente a verdade oficial: España é unha democracia constitucional occidental como a que máis.


Agora ben, visto o camiño de recortes de liberdades que levamos, e o pouco que nós, o pobo, podemos facer, é iso sustentable, sen máis?


Se as faltas de democracia son ocasionais, pase, pero se viñeron para quedar, para qué manter ese piadoso autoengano nacional? Ao que máis se parece España, observada con lupa, é a unha partitocracia que aos poucos se vai volvendo máis autocrática, aínda que cunha autocracia postmoderna, estilo Tocqueville-Huxley. Nótese que o que hoxe abunda no mundo non son as ditaduras militares rudas e bigotudas senón as democracias formais pero escasas de liberalismo, na práctica semidemocráticas e sobradas de autoritarismo máis ou menos sutil (cada vez menos).


Proféticamente dicía Huxley que as novas ditaduras non serían como as antigas e que se basearían no consentimento. España está a resultar autocrática non só comparada cos mellores momentos de Atenas ou do constitucionalismo anglosaxón, senón comparada con Francia ou Brasil.

Saquemos leccións.


Primeira, de carácter formal e institucional: as nosas institucións constitucionais non garanten moita división de poderes; non hai moitos “checks and balances”. A vida política española real case suxire unha administración pública xerárquica: as decisións tómanse arriba, polo goberno, e non poden ser revertidas por ningunha institución; Senado, Tribunal Constitucional ou outra, porque non hai institucións verdadeiramente independentes Dos Que Mandan.


Segunda lección, no terreo social: a nosa sociedade non pode (se é que quere) facer como as sociedades civís deses países. Está controlada como nunca; talvez anestesiada; quén se manifesta hoxe espontaneamente en España? E, para qué serviría, fóra de arriscarse a unha forte multa? O propio mundo universitario (sen excluír certos reitorados) parece entregado ás metas do capitalismo financeiro; metas anti-populares e contrarias ao humanismo e á idea de universidade. A universidade sempre foi un fermento de descontento que nin as ditaduras domesticaban de todo: un chegaba á universidade e facíase anti-franquista. Sempre os universitarios querían cambiar o mundo; seguen queréndoo hoxe? O altruísmo non lles tira moito, e os saberes superiores non directamente útiles, tampouco.


Terceira: en España non só fallan institucións e partidos; non só é un estado semi-policiaco; non só hai control social senón que agora ?hai que renderse á evidencia? tamén o hai mental. Moitos están indefensos, mesmo mentalmente. Os españois bienintencionados repiten frases de súbditos acríticamente, como “a lei é a lei e é para cumprila”, aínda que esa lei poida prexudicarnos a nós e beneficiar aos ricos, ou non a elaboraran os nosos representantes (así, novo artigo 135 da Constitución, que o que garante é... que pagaremos). Ou véxase, tamén, como cala a mentalidade de submisión en mantras como “o bo cidadán paga os seus impostos” (no canto de “o bo cidadán paga impostos xustos e votados por el ou os seus representantes”, como dicían a Carta Magna e a Declaración de Independencia americana); sometámonos ao estado de dereito que, así, pasa a obrigarnos a nós máis que ao goberno; non superemos 120 kph aínda que non haxa radares; os recortes de liberdade son inevitables... Estes españois, crédulos como nunca, interiorizan o que manda o estado, ata sobre como educar aos seus propios fillos. Unha propaganda intelixente e de aparencia moralizante convenceunos de que os culpables da corrupción no fondo fomos todos, por tentar non pagar o IVE ao fontaneiro, e os culpables da crise, tamén, pois todos malgastabamos. Os gobernantes, inmersos na corrupción --algúns deles mesmo defraudadores dese erario público que din custodiar--, póñense de raposo coidador de galiñas/predicador da nova moral ortodoxa do gran capitalismo financeiro transnacional. E --está claro-- para isto non se necesita moita democracia constitucional; se é que non é mesmo un estorbo.

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Más opinión
Opinadores

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE