#Claves de la semana

​Un libro denuncia “a grande estafa” do Álvaro Cunqueiro

Coordinado polo médico Pablo Vaamonde, foi presentado en Cangas coa presenza do exfiscal superior de Galicia, Carlos Varela


|


Este xoves foi presentado en Cangas o libro ‘A comercialización da saúde. O hospital Álvaro Cunqueiro: a grande estafa’. Un libro coral no que sete autores relacionados coa sanidade galega ofrecen a súa versión do modelo de colaboración público-privada que rematou en Vigo co “desastre que a cidadanía coñece”. Un libro “que había que facer” para explicarlle aos cidadáns “cales son as consecuencias de que este hospital se abrira a este modelo e cómo sufriu o resto da área sanitaria”.


Quen así fala é Manuel Martín García, co-autor do libro, médico de familia en Marín e voceiro da plataforma SOS Sanidade Pública. Ante o público congregado no auditorio do concello de Cangas, fixo un relato cronolóxico da posta en marcha do Álvaro Cunqueiro: cómo as concesionarias “meten a texoira, eliminan camas, se abre a toda présa” e Vigo queda “cun Hospital desastroso” no que se “multiplican os casos de infeccións, se caen os teitos, non se pode instalar o equipamento....”


Un relato que tamén se pode ler nas páxinas deste libro editado por Laiovento, unha obra coordinada polo tamén médico Pablo Vaamonde, que falou dun “libro de combate, modesto pero moi potente”, que responde á necesidade “de ter un documento e unha análise e propostas propias” para desmontar “as grandes falacias sobre as que está construido” o actual sistema sanitario galego en xeral e o Hospital Álvaro Cunqueiro en particular.


María Luisa Lores, tamén coautora da obra e experta en radioloxía, foi a encargada de situar o caso vigués no contexto galego. Fala de cómo “cando Feijóo chegou ao poder o que máis lle interesou foi a sanidade, non para defendela senón para privatizala”. No seu capítulo relata a “boa relación” que segundo a súa investigación ten o goberno galego coa industria farmacéutica, que ten levado a un “Sergas privatizado, endebedado e con todo o I+D+i en mans alleas e multinacionais estranxeiras que nin sequera pagan impostos” en Galicia.


O acto de presentación contou coa presenza de Carlos Varela, exfiscal superior de Galicia, que avalou que o libro “contén unha información moi interesante sobre o negocio na saúde pública”, de cómo se está implantando un modelo procedente de Inglaterra que nin sequera alí “se levou a cabo co descaro que se está levando aquí”, xa que alí se limitaron a infraestuturas e non “ao funcionamento interno”. 

Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE