Esta vez o EGM quería facer sangue coa audiencia matinal de Onda Cero a conta do traspaso de Carlos Herrera á COPE, a chamada "fichaxe da tempada". Todos queriamos comprobar con “mal sá intención" se a marcha do catalano-andaluz ía causar estragos nos números da emisora de Atresmedia e, se con iso, a cadea dos cardeais pillaba dunha “maldita vez" á SER de Prisa, a auténtica "xoia da Coroa" que lle queda á ex empresa de Don Jesús de Polanco.
Ao final, como sempre, o Estudo Xeral de Medios non defraudou a ninguén. Subiu a audiencia do medio radio e... todos contentos. Uns, porque non se consumou ningún desastre, ou sexa, que Alsina e Lucas poden renovar para a próxima tempada. Pero, tamén, porque a comercializadora da COPE pode seguir vendendo máis e máis caro, xa que a súa casa está un pouco máis preto do líder de "case" todas as franxas horarias, enténdase a SER, que comeza xa a dar síntomas de cansazo con ese "case", no que se deixa algúns pelos na gateira, sobre todo na deportiva e informativa.
Polo demais, mentres o traballo de campo sexa o que é e a desproporción en postes repetidores siga sendo tan dispar como inxusto, os propietarios da cadea de Gran Vía 32 poden continuar co seu merecido liderado mentres os seus números xerenciais son, cada exercício que pasa, máis difíciles de cadrar, non porque xestionen mal, que cada un sabe o que ten que facer na súa propia casa, senón porque a vaca publicitaria, dá cada vez menos leite, e as figuras seguen sen decatarse de que teñen que rebaixarse o soldo, que esta radio xa non pode pagar as millonadas que pagaba cando Del Olmo, García, Herrera ou Encarna estaban na cúspide da onda. Métome neste detalle porque, para a próxima tempada, anúnciannos que o cincuentón De la Morena quere irse a Onda Cero onde lle pensan extraer ata o tuétano, non só na cadea de radio, senón tamén nas televisións de Antena 3 e, de paso, pagarlle os seus "bolos" humanitarios ademais dun soldazo que lle chegue ata a xubilación. Todo iso, será unha barbaridade e os da Ser non deben caer nese xogo porque a conta de explotación non dá para moitas alegrías, sobre todo tendo un substituto de garantías como xa teñen. Pero en fin, eles verán e Silvio González tamén, que será, ao final, o que pague a festa, se é que esta se celebra.
Escribe tu comentario