Os actores galegos reivindican a futura de María Casares
Un coloquio e un recital poético recordará á actriz no 20 aniversario do seu falecemento
A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) reivindicará a figura de María Casares este ano, cando se cumpren 20 anos do seu falecemento e tamén dos premios teatrales que levan o seu nome, cun recital poético e un coloquio.
A intención da asociación é dar a coñecer a traxectoria vital da actriz en Galicia, contribuíndo a enmendar "o descoñecemento e o silencio" que rodean a esta figura sobranceira, unha actriz "de enorme prestixio e de gran peso intelectual en Francia".
“María Casares é a intérprete galega máis universal, a que máis pegada deixou no teatro internacional e un auténtico símbolo en Francia, país que a acolleu durante o seu exilio”, sinalou Mabel Rivera, vicepresidenta da AAAG.
Trala celebración dos premios María Casares a semana pasada, as actividades complementarias centraranse na Casa Museo Casares Quiroga, comezando cun coloquio que se celebrará este xoves ás 20:00 na biblioteca do edificio.
Para o mércores 13, véspera do aniversario da Proclamación da II República, celebrarase na propia Casa Museo Casares Quiroga un recital baixo o nome A Poesía de María.Neste acto, dirixido por Lino Braxe, catro actrices recitarán –con acompañamento musical- unha escolma de poemas que marcaron, dun xeito ou doutro, a María Casares.
Perfil María Casares
O 21 de novembro de 1922. Aquel día, na Coruña, naceu a que sería a actriz galega con maior proxección internacional, María Victoria Casares Pérez, filla de Santiago Casares Quiroga, ministro e xefe de Goberno da II República. O éxito da actriz chegaría lonxe da casa, en Francia, nun exilio do que só volveu en contadísimas ocasións.
En Francia, a onde chegou con trece anos e tan só tres meses despois do inicio da Guerra Civil, Casares principiou a súa formación teatral e estreouse como actriz no afamado teatro Les Mathurins en 1942. Nese escenario iniciou unha frutífera e recoñecida carreira teatral na que traballou con actores como Jean Marchat, Jean Anouilh ou Georges Vitaly. Foi naquela época, nos anos corenta, cando iniciou tamén a súa selecta traxectoria no cine, debutando na clásica Les Enfants du paradis, de Marcel Carné. E foi tamén naqueles anos corenta, cando María Casares coñeceu a Albert Camus, iniciando unha longa carreira artística e persoal.
Deste xeito, María Casares acabaría por consagrarse como actriz de referencia e de enorme recoñecemento ante o público. Ao final da súa vida recibiu grandes premios da súa carreira: o Premio Nacional de Teatro e a Lexión de Honor. Dende España chegoulle a Medalla de Belas Artes e dende Galicia, o título de filla predilecta da Coruña e a medalla Castelao.
En 1997, a AAAG bautizou os seus premios de teatro co nome da actriz para recoñecer a súa longa traxectoria e a súa pegada na interpretación internacional. María Casares quixo acudir á primeira gala destes premios, mais o seu falecemento impediullo.
Escribe tu comentario