A oposición sitúa a Feijóo "no medio dunha porta xiratoria"
O presidente da Xunta deféndese asegurando que aspira a que o PPdeG sexa o primeiro partido con candidato para as vindeiras eleccións
A incógnita aberta sobre o futuro de Alberto Núñez Feijóo protagonizou o debate deste mércores no parlamento galego. A oposición non dubidou en situar ao presidente da Xunta "no medio dunha porta xiratoria" que tranca o futuro de Galicia, despois de que Feijóo recoñecese que se plantea deixar a política para levar a súa carreira cara outros ámbitos.
O máis contundente nas súas críticas foi o voceiro de AGE, Antón Sánchez, enargado deacusar ao presidente de estar "no medio e medio dunha porta xiratoria, atrancándoa co pé mentres decide o seu futuro, trancando o futuro do país".
Na mesma liña expresáronse socialistas e nacionalistas. Francisco Jorquera (BNG) preguntolle directamente a Feijóo polo seu futuro, afeándolle o seu papel de "broker" coa "venda de Barreiras a Pemex a prezo de ganga". "Igual xa estaba a ensaiar deixar a política e pasar á privada", ironizou o nacionalista.
José Luis Méndez Romeu (PSdeG), pola súa banda, incidiu nos "servizos prestados" a diversas empresas por parte do Goberno de Feijóo, a quen se permitiu "distraer uns minutos da súa dúbida hamletiana de se se vai ou non á privada".
RESPOSTA CONTUNDENTE DE FEIJÓO
O presidente da Xunta non se quedou calado ante as críticas da oposición. Non desvelou se optará a un terceiro mandato, pero sí transmitiu que aspira a que o PPdeG sexa "o primeiro partido con candidato á Xunta".
Ante as duras acusacións de AGE, Feijóo defendeu a súa xestión, comparándoa coa das forzas emerxentes. "Gobernamos mellor que vostedes por terra, mar e aire. Só hai algo peor que a crise e é que vostedes algún día gobernasen Galicia", advertiu.
Tamén cuestionou as referencias directas do voceiro nacionalista, Francisco Jorquera, asegurando que "a vostede non lle pregunto se será ou non candidato porque non teño motivos para amolalo".
Escribe tu comentario