A Xunta defende investigar a "riqueza" mineira de Zas
O Conselleiro de Economía, Francisco Conde, asegura que autorizar un permiso de investigación non implica que ese proxecto vaia a ser aprobado para a súa explotación
A controversia polo proxecto de investigación mineira 'Isabela II', centrado no municipio de Zas, saltou ata o pleno do Parlamento Galego. O BNG pediulle a Xunta que paralizase un proxecto de "megaminería" que xa espertou un proceso de contestación social. Pero o Conselleiro de Economía, Francisco Conde, defendeu que se poida "investigar cal é a riqueza que se ten neste país", algo que segundo el non significa, en ningún caso, "que ese proxecto vaia a ser aprobado para a súa explotación".
Francisco Conde asegura que tan só estamos ante "un permiso de investigación que se está tramitando, nin se concedeu". Denuncia que o goberno bipartito aprobou "106 permisos de investigación", pídelle ao BNG un debate con "seriedade" e asegura que a "megaminería non existe" dende un punto de vista xurído e técnico.
Pola contra, o voceiro do BNG, Francisco Jorquera lamentou que a Xunta non aprendera a lección de Corcoesto, seguindo a máxima de "se non queres caldo toma outra taza" cun proxecto no que o Grupo M-FM 2001 pretende investir máis de medio millóns de euros en traballos de exploración, unha "inmensa mina a ceo aberto" para buscar ouro nun terreo equivalente a "máis de 4.000 campos de fútbol".
Jorquera alerta sobre o uso de cianuro para esa explotación, que ve incompatible coa protección do medio ambiente e co mantemento da actividade agrícola. Conde chama á calma e asegura que se o proxecto non cumple cos requisitos técnicos e medioambientais a Xunta dirá "non" a que se realice, lamentando a actitude de "ir contra todo" do BNG.
Escribe tu comentario