A Ría de Pontevedra pide a cabeza de Quintana
Varios representantes do sector pesqueiro, marisqueiro e ambiental piden a dimisión da conselleira do Mar pola tramitación da lei de Acuicultura e pola "mala xestión"
Para varios representantes do sector pesqueiro, marisqueiro e ambiental da Ría de Pontevedra a retirada da lei de Acuicultura segue sen ser suficiente. Piden a dimisión da conselleira do Mar, Rosa Quintana e do seu director xeral, Juan Maneiro, polo papel de ambos na tramitación do proxecto e pola "mala xestión" durante os últimos anos.
Concretamente, piden a cabeza da Quintana traballadores do sector do mexillón de Poio e Bueu, dirixentes das confrarías de Raxó e San Telmo e responsables da Asociación polo Saneamento da Ría de Pontevedra, que se rueniron co presidente da Asociación pola Defensa da Ría, Antón Masa.
"Esta señora conseguiu unir a todos os sectores do mar de Galicia, que desde o 2002 co Prestige non estabamos xuntos", afirmou Jesús Castiñeira sobre Rosa Quintana. "É un pouco triste que nos teñamos que xuntar en datas sinaladas e por acontecementos negativos", engadiu este bateeiro, "pero polo menos temos vida e estamos unidos para defender o noso mar".
O presidente da APDR considera a retirada do anteproxecto da lei de Acuicultura como "unha vitoria da mobilización social e a unificación de todos os sectores das rías de Galicia". Aínda así, o momento elixido para retirar o borrador non convenceu ao patrón maior de Raxó, Iago Tornei, que considera unha "canallada" anular a lei "tres días antes" da manifestación convocada en Santiago polo sector para que a xente "se bote atrás".
Algo que sería negativo, según Antón Masa, xa que a lei de Acuicultura "non é o único" problema que afecta o sector. Así, o presidente da APDR reclamou un "verdadeiro saneamento das rías", e en particular da de Pontevedra, para que os mexilloeiros, mariñeiros e mariscadores poidan "traballar con dignidade".
Antón Masa denunciou a presenza de verteduras non só domésticas, senón tamén industriais, que atribuíu a Ence e a Elnosa, "co agravante da prórroga por 60 anos máis" á fábrica pasteira.
A XENTE DO MAR ESPERA REUNIR 30.000 PERSOAS EN SANTIAGO
Mentres tanto, representantes dos sectores productivos vinculados ao mar fixeron un chamamento para secundar a manifestación deste sábado, na que esperan unhas 30.000 persoas. De feito, xa contan con máis de 200 autobuses contratados.
O representante da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, Xaquín Rubido, reivindicou a retirada da lei de acuicultura como "unha conquista da unidade da xente do mar", reclamando seguir polo camiño "unindo revindicacións para conseguir unha postura de forza ante a administración".
Escribe tu comentario