Empresas galegas cooperan nun proxecto do programa Primex do Igape para vender en Brasil produtos alimentarios
O director do Instituto, Javier Aguilera, inaugurou un encontro no que participaron arredor de 40 adegas e cooperativas vitivinícolas, así como empresas produtoras de embutidos, conservas ou aceites.
O director do Igape, Javier Aguilera, sinalou hoxe no encontro de presentación do proxecto Iza Promoción, no que están implicadas arredor de 40 empresas do sector agroalimentario que desexan vender os seus produtos en Brasil, que a cooperación é o mellor instrumento para que as empresas galegas, nomeadamente as pemes, poidan incrementar as súas exportacións e internacionalizarse. Do mesmo xeito, o director do Igape destacou a calidade dos produtos agroalimentarios galegos como clave para o seu éxito no exterior.
O proxecto que se presentou hoxe, apoiado pola Consellería de Economía e Industria a través do programa Primex do Igape, está coordinado pola Rede Galega de Empresas, a Asociación Campalgo e a Asociación Galega de Viticultura e conta cun centro promocional en Fortaleza (Brasil), desde onde xa están a localizar clientes e distribuidores tanto adegas como empresas produtoras de conservas ou embutidos, entre outros produtos alimentarios.
Brasil é o mercado onde máis empresas galegas están a buscar a súa implantación promocional ao abeiro do programa Primex, destinado a facilitar as primeiras implantacións comerciais no exterior. Este programa impulsa a internacionalización das empresas galegas que se comprometen a cooperar, en grupos de polo menos tres, para impulsar a súa primeira implantación comercial en mercados internacionais. En 2014 foron máis de 250 as empresas galegas que exportaron a Brasil, un mercado onde as exportacións medraron un 38% con respecto a 2009.
O compromiso das empresas galegas, xunto co apoio da Xunta, fixo posible que durante os dous últimos anos se acadasen as cifras históricas máis altas de exportacións galegas, cun incremento en preto dun 30% tanto das exportacións galegas como do número de empresas da comunidade que exportan durante os últimos cinco anos.
Para seguir avanzando neste eido, vénse de activar a Estratexia de Internacionalización, que ten entre os seus obxectivos incrementar as exportacións galegas nun 25% ata 2020 e á que se destinan 50 millóns de euros para os anos 2015 e 2016. Entre as novas medidas a impulsar, atópase a formación en idiomas de negocios, un programa de tutelaxe de empresas implantadas no exterior con empresas que se inician, a procura do peche de ciclos produtivos en Galicia mediante a atracción de investimentos estranxeiros, entre outros.
Escribe tu comentario