Condenado a 20 anos de cárcere o asasino de Ponte Sampaio
O xurado popular declarárao culpable de acabar coa vida da súa ex moza, á que asestou unha vintena de puñaladas.
A Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a 20 anos de prisión por un delito de asasinato con aleivosía coa agravante de parentesco ao home considerado culpable por un xurado popular de acabar coa vida da súa exmoza en Ponte Sampaio.
Segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), o maxistrado presidente imponlle tamén a prohibición de residir e acudir á parroquia onde se cometeu o crime en Ponte Sampaio, ao lugar de Acevedo e á cidade de Pontevedra durante 25 anos.
O xurado popular considerou probado que o acusado esperou á muller nas inmediacións do seu domicilio e que, con permiso da vítima, subiu ao seu coche unha vez chegou. Alí comezaron a discutir e "con ánimo de acabar coa súa vida e de forma sorpresiva, sen que ela puidese reaccionar e defenderse, atacouna cunha arma branca", segundo recolle a sentenza.
Aínda que o home confesou os feitos cando foi detido, o tribunal non considerou que isto supuxese ningunha colaboración para esclarecer o crime, posto que nese momento sospeitábase da súa participación nos feitos e xa se seguían actuacións xudiciais contra el.
Escribe tu comentario