A muller colombiana detida en Ourense por terrorismo puido sufriu unha "extorsión"
Villanueva asegurou que "todo indica" que foi extorsionada por parte dun recluso do seu país que se atopa no cárcere por delitos de terrorismo | A veciña de Ourense foi posta en liberdade e xa está na súa casa.
O delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, asegurou que "todo indica" a que a colombiana detida en Ourense acusada de pertencer a unha banda terrorista sufriu unha "extorsión" por parte dun recluso do seu país, que se atopa no cárcere por delitos de terrorismo.
En declaracións aos medios este sábado na Coruña durante os actos da Pascua Militar, Villanueva trasladou que "polos datos" que posúe o Goberno nestes momentos, a testemuña que inculpou á colombiana detida o pasado mes de novembro en Ourense realizou a acusación coa intención de exercer unha "extorsión" sobre a detida e o seu irmán.
Así, confirmou que, unha vez que chegou a orde da Fiscalía de Colombia que negaba a implicación da detida nos feitos polos que era acusada, púxose " en liberdade" e a veciña de Ourense "xa está no seu domicilio".
OPERACIÓN POLICIAL CONXUNTA
A finais do pasado mes de novembro, unha operación conxunta das Policías Nacionais de España e Colombia detivo a dúas persoas acusadas de pertencer a unha facción terrorista do Exército de Liberación Nacional (ELN). Os arrestados foron unha muller que reside en Ourense, e o seu irmán detido a fronteira colombiana con Venezuela.
Segundo a versión inicial ofrecida pola Policía, a muller encargábase de recrutar e radicalizar a mozas mentres que o home estaba considerado como o coordinador loxístico da organización e encargado de obter o material de guerra.
Agora, a Fiscalía colombiana considera probado que ambos foron vítimas dunha extorsión levada a cabo por un recluso colombiano que cumpre penas de prisión por delitos de terrorismo. Así, a Xustiza colombiana cancelou a orde de captura e ordenou a posta en liberdade dos irmáns.
Escribe tu comentario