"Ningunha lingua está normalizada ata que os seus lectores poidan acceder nela a toda a literatura universal"
A asociación Queremos Galego Marín organiza unha mesa redonda para abordar o estado da tradución ao galego de libros escritos noutras linguas.
A asociación Queremos Galego Marín organizou unha mesa redonda para o próximo 13 de xaneiro sobre a tradución ao galego de libros escritos noutras linguas, con esta actividade buscan dar a coñecer a importancia e o estado actual desta disciplina.
A asociación explicou este venres a través dun comunicado que "ningunha lingua e ningunha literatura poden estar plenamente desenvolvidas e normalizadas ata que os seus lectores poidan acceder na súa propia lingua a toda ou a gran parte da literatura universal".
Así mesmo, sinalou que a tradución ao galego interrompeuse, por motivos políticos, no século XIV e "aínda que a partir do 'Rexurdimento' renaceu a conciencia lingüística", o galego "nunca" logrou "vivir plenamente e de forma normal en todos os aspectos".
A mesa redonda terá lugar ás 20,00 no Museo Manuel Torres de Marín (Pontevedra) e contará coa colaboración do escritor e tradutor Henrique Harguindey e dunha representante de Rinoceronte Editora, empresa especializa en literatura traducida, Ronsel Villar.
Escribe tu comentario