'Irmandade', elixida Palabra do Ano 2016
En segunda posición, con 481 votos, quedou o neoloxismo 'Porcoril', un termo para designar o cruzamento entre o porco vietnamita e o xabaril.
Fotomontaxe con nenos e nenas do IES do Carballiño e fotografía histórica membros das Irmandades no Día da Patria de 1930 en Vigo // portaldaspalabras.gal
'Irmandade' foi finalmente a elixida como Palabra do Ano 2016 na votación popular promovida polo Portal das Palabras, un proxecto impulsado pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié para a difusión do galego.
A RAG lembrou que, con esta elección, os participantes nesta iniciativa quixeron render homenaxe ao centenario da fundación das Irmandades da Fala, así como "destacar a vixencia das súas reivindicacións".
Un século despois da fundación na Coruña deste movemento, Irmandade convértese na Palabra do Ano 2016 tras recibir 623 dos máis de 2.000 votos emitidos na segunda fase desta iniciativa, á que chegaron seis termos como finalistas.
En segunda posición, con 481 votos, quedou o neoloxismo 'Porcoril', que "triunfou" nos medios de comunicación este ano para designar o cruzamento entre o porco vietnamita e o xabaril. En terceiro lugar, con 372 apoios, figura 'Alburgada'
O equipo do Portal das Palabras escolleu os seis termos finalistas entre todos os recibidos na primeira fase da campaña atendendo a tres criterios: os máis populares, os de maior proxección público ao longo do ano e os que contasen con especial significación. En 2015 o termo gañador foi 'Refuxiado' e en 2014 'Corrupción'.
Escribe tu comentario