O rugby como promotor da integración de menores en risco de exclusión social
A Fundación María José Jove e o Club de Rugby Arquitectura Técnica da Coruña (CRAT) veñen de asinar un acordo de colaboración.
A Fundación María José Jove e o Club de Rugby Arquitectura Técnica da Coruña (CRAT) uniron forzas co obxectivo de promover a inclusión de menores en risco de exclusión e de nenos e nenas con diversidade funcional a través do rugby.
Para iso, Felipa Jove e Pedro López-Sors, presidentes da Fundación María José Jove e do CRAT, respectivamente, asinaron un acordo mediante o cal, a primeira entidade financiará o aloxamento na residencia universitaria concertada Rialta de 4 xogadores do CRAT.
Pola súa banda, o club coruñés implantará un programa de inserción social mediante o cal integrará nas súas diferentes categorías a menores en risco de exclusión de entre 8 e 18 anos e a persoas con diversidade funcional.
Para a Fundación María José Jove este acordo "é un paso máis nos seus proxectos de inclusión social a través do deporte", no que destaca o programa 'Esforza' que facilita a práctica de vela, piragüismo, natación e fitness adaptado a máis de 500 persoas ao ano.
Pola súa banda, para o CRAT este acordo supón "unha oportunidade de achegar o rugby e os seus valores a menores que dificilmente poderían coñecelo doutro xeito", ao mesmo tempo que involucra aos seus xogadores na necesidade de contribuír á integración social das persoas con diversidade funcional ou en risco de exclusión.
Escribe tu comentario