O Xabarín Club xa ten a súa propia 'app'
A iniciativa tenta adaptar o Xabarín Club aos "hábitos de consumo dunha xeración de nenos completamente dixital".
A CRTVG ofrece desde este venres a súa programación para os máis pequenos a través dunha nova aplicación, 'Xabarín TVG', dispoñible para móbiles e tablets con todas as series de animación en galego que se emiten pola TVG2 dentro do espazo Xabarín Club.
A directora da Televisión de Galicia, Rosa Vilas, presentou no Culturgal esta iniciativa que tenta adaptar o Xabarín Club aos "hábitos de consumo dunha xeración de nenos completamente dixital". Esta nova aplicación é a única para nenos con contidos audiovisuais exclusivamente en galego.
A Televisión de Galicia reforza con esta APP a súa presenza entre a audiencia ata os 14 anos de idade, moi familiarizada coa tecnoloxía dixital, que poderá gozar de series como 'Os Bolechas', 'Cocorico', 'A tropa de trapo' ou 'A vaca Connie'.
Ademais, a aplicación ofrece a posibilidade de seleccionar os contidos en función da idade dos usuarios ou das preferencias que os pais consideren adecuadas. Ademais, permite ver os debuxos en streaming wifi e 3D.
Escribe tu comentario