O Dépor desperdicia a oportunidade da Copa para cambiar o rumbo
(1-0). O Betis superou o equipo herculino e gaña a vantaxe na eliminatoria. A boa noticia, a volta de Joselu.
O Dépor terá que remontar. //Fonte: RC Deportivo
Dicía Garitano que a Copa era unha boa chanza para que o Dépor rompese coa xeira de malos resultados e volvese encontrar a vitoria, pois sostiña que "todos comezamos de cero". E a cero segue o equipo herculino. O Deportivo debutou esta tempada en Copa do Rey con derrota pola mínima ante o Betis no Benito Villamarín (1-0). Os branquiazuis, hoxe de gris, non foron capaces de materializar en goles o seu dominio durante todo o partido, mentres que os locais transformaron unha das poucas chegadas á área do Dépor para poñer o resultado definitivo no marcador.
Gaizka Garitano probou un sistema de inicio con cinco defensas, dous centrocampistas de contención, dous de ataque e dous dianteiros, ademais de dar os primeiros minutos da tempada a Rubén baixo os paus e ao capitán Álex Bergantiños no centro do campo.
O arranque do partido foi de total tanteo entre ambos os equipos, tocando balón con calma e con tan só unha aproximación á área por parte do equipo local. Tras case 20 minutos de xogo lento, o Betis conseguiu meter unha marcha máis para xerar a xogada do gol do partido. Un centro desde a esquerda de Durmisi acabou no fondo da portería deportivista tras o remate de cabeza de Sanabria, ante o que nada puido facer Rubén.
Reaccionou o Dépor cunha recepción de Marlos a pase de Bergantiños na frontal da área que o colombiano, presionado por dous defensas, rematou ás nubes. Mellor foi a ocasión de Juanfran dous minutos despois. O madrileño pegoulle á escuadra pero o porteiro local, Dani Giménez, cunha gran estirada, conseguiu desviar a córner.
O Betis puido facer o segundo tras unha contra. Na chegada á área o balón rebotou en Sidnei e Mosquera para quedar franco para o disparo do Betis. Unha providencial perna de Luisinho serviu para mandar a saque de esquina. Precisamente desde o córner tivo o Dépor a súa segunda gran ocasión. O centro de Carles Gil, rematado ben por Sidnei, foise lixeiramente desviado da portería de Giménez.
A partir de aí o partido volveu aos camiños do primeiro terzo, con dominio do Deportivo, xogo lento e ningunha ocasión de perigo en área rival.
Tras a continuación continuou o domino do Dépor, que meteu atrás o Betis aínda que houbo que esperar ao minuto 8 para que chegase a primeira ocasión clara, un disparo de Luisinho desde a frontal que marchou lixeiramente desviado. Xusto antes reclamara un posible penalti que De Burgos Bengoetxea non considerou como tal.
Máis dun cuarto de hora tardou o Betis en chegar, cun remate forzado e frouxo de Sanabria que atrapou sen problemas Rubén.
Unha das boas noticias do partido foi o regreso de Joselu aos terreos de xogo no minuto 67 substituíndo a Marlos Moreno. Sensacións que melloraron co seu primeiro remate a quince minutos para o final, un croque que marchou preto do pau da meta bética.
O dominio deportivista do xogo no segundo tempo non se materializou en ocasións, salvo un tiro de Navarro a sete do final, nin goles e tras un partido de difícil dixestión para os afeccionados, o Betis acabou a primeira parte da eliminatoria cunha vantaxe mínima que o Dépor deberá remontar antes de Nadal en Riazor.
Escribe tu comentario