#Claves de la semana

​As 'noticias icona' determinaron a campaña electoral do 2009 en Galicia

Unha tese da UVigo investiga o papel da prensa nas eleccións autonómicas do 2009 cando Feijóo conseguiu a súa primeira maioría absoluta. 


|

Quintanajacintorey

“As noticias icona funcionan como recordos imperecedoiros, que seguen aparecendo nas páxinas dos xornais semanas, meses ou anos despois da súa primeira publicación, conferindo un poder permanente á representación simbólica do escándalo político”, sostén o investigador Javier Presas, que na súa tese de doutoramento analizou a influencia dos medios de comunicación e as consecuencias dos escándalos políticos nas campañas electorais


Centrándose nas eleccións autonómicas do ano 2009, nas que o presidente da Xunta, Alberto Nuñez Feijóo, logrou a súa primeira maioría absoluta, Presas estudou o papel xogado pola prensa á hora de “configurar imaxes de gran contido simbólico” vinculadas ao escándalo político. Imaxes como as xeradas naquela campaña a través das novas relativas ao Audi A8 que empregaba o por aquel entón presidente, Emilio Pérez Touriño, aos gastos realizados polo bipartito na sede administrativa de San Caetano ou á fotografía do vicepresidente, Anxo Quintana, no barco do empresario Jacinto Rey. Noticias icona que, como sinala, “tiveron a influencia suficiente como para fixar parte da axenda da campaña” e que perduraron no tempo, converténdose en “temas recorrentes da narración política galega”.



Tourioaudia8

Na súa tese 'Corrupción y escándalo político en las campañas electorales. La noticia icono en las elecciones gallegas de 2009 y 2012', dirixida pola profesora da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Mercedes Román, Presas analizou as novas publicadas polas principais cabeceiras autonómicas e polos dous xornais estatais que contaban entón con edición galega, El País e ABC, durante os 15 días de campaña. Fíxoo poñendo o foco no “poder dos escándalos” suscitados a raíz da aparición de cinco novas icona, entre as que tamén figuran o desprazamento dun grupo de maiores a un mitin de Quintana en Oia e os gastos realizados pola Consellería de Cultura na Feira do Libro da Habana. A súa relevancia, sinala, “pódese medir de maneira rigorosa en termos da súa frecuencia de aparición”, xa que en todos os días da campaña de 2009 atópanse referencias a estas noticias, "con picos que roldan o medio cento de mencións”.


OS ESCÁNDALOS


“O estudo buscaba demostrar as posibilidades dos medios de comunicación de crear imaxes cargadas de gran contido simbólico, capaces de perdurar no tempo”, sinala o autor dunha investigación que non trataba de analizar a súa influencia no resultado electoral, “algo dificilmente cuantificable”, senón afondar nesa capacidade dos medios de “crear percepcións colectivas”.


“A través dos medios, o escándalo político e a súa representación simbólica fanse moito máis visibles, xerando unha serie de repercusións sociais para o implicado”, sinala Presas, que incide na importancia do marco interpretativo á hora de determinar o “poder simbólico” que obterán esas novas. De aí que destaque que o “poder dos escándalos” suscitados a raíz de determinadas novas icona non vén motivado tanto polas fotografías e informacións publicadas, como polo “marco de crise económica no que se deron”, que contribuíu a que esta serie de novas se convertesen en “poderosas imaxes condensadas”, a través da súa vinculación “con conceptos máis amplos”, en noticias nas que figuraban con frecuencia “palabras como austeridade, luxo ou malgasto”.


O CASO DO ABC


Ademais dunha análise do “modelo narrativo” dos medios para o chamado "escándalo político", Presas propón tamén na súa tese unha análise cuantitativa e cualitativa sobre a presenza destas noticias icona na prensa galega. Unha análise que terá como eixo central ao xornal ABC, “por considerarse como o principal catalizador das news icon” daquela campaña, na que, entre outras cuestións, o xornal levou á súa portada a foto de Quintana e Rey. Nese senso, Presas destaca que en 13 dos 15 días da campaña, en seis ocasións en portada, este xornal inclúe “algún tipo de representación simbólica” vinculada á idea do “malgasto do Goberno galego”.


Pero, máis aló da súa presenza nesta cabeceira, estas noticias icona tiveron tamén “a capacidade de determinar a axenda” daquela campaña, de tal xeito que en 283 das 2424 noticias analizadas por Presas para a súa tese figuraban referencias ás cinco novas que centraron o seu estudo. Cuestións que mesmo tiveron a capacidade de permanecer vivas na seguinte campaña, como engade Presas, que na súa análise das novas publicadas nas xornadas previas ás elección de 2012, na que Nuñez Feijóo reeditou a súa maioría absoluta, atopou un total de 55 noticias vinculadas a esas cinco imaxes simbólicas xurdidas nos anteriores comicios.

relacionada ​En Marea arremete contra Feijóo polo seu vínculo con Marcial Dorado
Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE