Oito ilustradores debuxarán esta fin de semana os seus recunchos favoritos de Santiago
Será no marco do I Encontro Internacional de Cadernos de Viaxe 'Compostela Ilustrada' está dirixido por Miguelanxo Prado.
"Debuxar as cidades, os obxectos que as conforman e os seres que as habitan é unha maneira óptima de aprender, de querer e de lembrar". A afiamación é de Miguelanxo Prado, director do I Encontro Internacional de Cadernos de Viaxe 'Compostela Ilustrada', que esta fin de semana acolle a cidade de Santiago. Polo tanto, debuxar Santiago de Compostela "é un xeito diferente e intenso de coñecer a cidade e de dala a coñecer".
Con ese múltiple obxectivo celebrarase na capital compostelá, dende o venres 11 até o domingo 13, o primeiro Encontro Internacional de Cadernos de Viaxe, unha iniciativa na que levaba tempo traballando a empresa creativa galega El Patito Editorial e que agora faise realidade baixo a organización do Concello de Santiago, a Deputación da Coruña e Turismo de Santiago.
Subliña Miguelanxo Prado o feito de que "afortunadamente cada vez son máis os adultos que regresan á linguaxe do debuxo e, de xeito moi significativo, a través dos cadernos de viaxe e esta variante do movemento colectivo do debuxo urbano". Daí tamen a relevancia deste encontro, o primeiro destas características que se celebra en Galicia.
O propio Miguelanxo Prado foi o encargado de seleccionar os oito destacados ilustradores que, ademais del mesmo, participarán no Encontro e que, polo tanto, terán a oportunidade durante tres días de coñecer e de debuxar Santiago. Son Catel Muller (Francia), Inma Serrano (Sevilla), Sagar Fornies (Huesca), Jorge González (Argentina), Joaquín González Dorao (Cádiz), Ana Luisa Frazao (Portugal), Fermín Solís (Cáceres) e Clara Marta (Zaragoza).
DEBUXANDO NAS RÚAS
No que se refire as actividades relacionadas cos oito ilustradores invitados ao Encontro o programa divídese en varios apartados:
- Acompaña a… Os asistentes ao encontro dividiranse en cinco grupos dirixidos por cinco dos ilustradores invitados e debuxarán a cidade desde perspectivas e espazos moi diferentes.
- Clases maxistrais. Cada un dos ilustradores invitados e máis o director do Encontro ofrecerán unha charla no CGAC para explicar a súa maneira de enfrontarse ao caderno e ás imaxes dos lugares onde debuxan.
- Coñecendo a… Os oito ilustradores invitados presentarán as súas publicacións en librarías da cidade. Esta é unha actividade aberta ao público en xeral.
EXPOSICIÓNS
Paralelamente á celebración do I Encontro de Cadernos de Viaxe inauguraranse tres exposicións que permanecerán abertas á visita do público durante todo o mes de novembro.
- Santiago, Cidade Ilustrada. Na Fundación Gonzalo Torrente Ballester amósase unha mostra que pon de manifestó a riqueza de interpretacións da cidade por parte de ilustradores de literatura infantil e xuvenil, de cadernos de viaxes e mais de historieta.
- Portugal Ilustrado. Na Galería Sargadelos expoñense os traballos sobre Portugal e a cultura portuguesa realizados por 20 artistas da axencia de ilustradores Illustropía.
- Cadernos boSCQuejeros. A Fundación Gonzalo Torrente Ballester acolle tamén unha mostra conformada por cadernos orixinais e materias para debuxo do colectivo compostelán boSCQuejeros, un grupo de afeccionaos ao debuxo que dende o ano 2005 veñen realizando quedadas para debuxar a cidade.
QUEDADA INFANTIL
Os nenos en nenas inscritos no Encontro poderán participar debuxando a cidade en tres aulas didácticas e nunha quedada infantil. Ana Luisa Frazao levará aos nenos a debuxar productos de tempada no Mercado de Abastos; Joaquín González Dorao fará o propio cos elementos arquitectónicos da Cidade da Cultura e Fermín Solís cos animais do Museo de Historia Natural.
Ademais, o sábado pola mañá terá lugar unha Quedada Infantil na que 30 nenos e nenas irán de tendas polas rúas Xelmirez, Nova e das Orfas debuxando con Joaquín González Dorao e Fermín Solís.
Escribe tu comentario