González Laxe insta ao PSOE a "deixar gobernar ao PP"
O expresidente da Xunta dixo en referencia ao PSdeG que "un partido non pode estar rexido por xestoras".
Nunha entrevista na Radio Galega, González Laxe apuntou que tanto o PP como o PSOE son "dous partidos con capacidade de gobernar" que deben ter tamén "capacidade de responsabilidade", polo que pediu aos socialistas que "demostren a súa grandeza" e, "xa que o PP ten máis votos e a esquerda non dá articulado unha alternativa, debe deixar gobernar ao PP".
Aínda que o PSOE está agora "nunha situación que non é fácil", o expresidente da Xunta asegurou que irán xurdindo "as solucións" que permitan "afrontar desafíos novos", polo que restou importancia á crise interna indicando que "son fases da historia".
Sobre o PSdeG, indicou que "debe reestruturarse canto antes para afrontar o próximos catro anos", algo para o que é necesario ser "áxil". "Despois do ocorrido no Comité Federal e despois de que a xestora de Javier Fernández poña en marcha os procedementos, a xestora galega deixará de existir. Un partido non pode estar rexido por xestoras", resumiu.
Escribe tu comentario