Os doutores galegos reivindican fortalecer a relación médico-paciente
O sindicato médico CESM Galicia pedíu ás principais forzas políticas que concorren ao 25S unha política de persoal "adecuada".
O sindicato médico CESM Galicia reivindica unha política de persoal "adecuada" e o "fortalecemento da relación médico-paciente", así como permitir que o profesional xestione a súa axenda e "seleccione o momento máis adecuado para atender" as consultas telefónicas.
Así o manifestou o sindicato médico CESM Galicia nunha mesa celebrada o pasado xoves con representantes do PPdeG, PSdeG e BNG, encontro ao que tamén estaban convidados representantes de Cidadáns e de En Marea, "pero estes dous grupos non tiveron a ben responder", segundo puntualizou.
Durante este encontro os representantes dos partidos políticos recibiron un documento elaborado polo sindicato titulado 'Carencias, abusos e outros', onde expón "o máis imprescindible que debe retomar o goberno que saia das urnas o próximo 25".
Nese documento, CESM reclama unha "política adecuada" de persoal mediante a que se contrate "en condicións dignas", polo que avoga por "proscribir as contratacións por días" e "os contratos encadeados por meses que acaban durando anos".
Ademais, defende CESM Galicia a necesidade de "tempo" para o "fortalecemento da relación médico-paciente"; así como unha "e-consulta para mellorar a relación entre niveis". "Para lograr rapidez no acceso, non para limitar o acceso ás consultas hospitalarias ou contabilizalas como primeira consulta", puntualiza o sindicato.
CAMBIOS
Entre os puntos reivindicados, reclama formación para persoal facultativo porque "é un dereito e un deber", así como que "se reformule ou elimine" a configuración das denominadas xerencias integradas (EOXI) porque "se a idea era mellorar a interacción entre primaria e hospital, a idea non funciona", segundo sostén CESM.
Así mesmo, reclama "bos directivos, avaliados con parámetros obxectivos, que inclúan a valoración por parte do persoal ao seu cargo e absolutamente apartados de criterios de amiguismo".
Finalmente, CESM Galicia tamén demanda o recoñecemento de esforzos. "Estamos fartos de que os políticos se poñan as medallas que non lles correspondan ou presuman da súa xestión, cando é o esforzo dos profesionais o que mantén o sistema sanitario".
"Pedíusenos o esforzo e os profesionais cumprimos con fartura. Hora é de que se nos recoñeza. Que se valore aos profesionais, con algo máis que palmadiñas nas costas", defenden, para concluír coa petición de que "se active a carreira profesional". "Que se devolva o que se nos quitou. A cada un, o seu", sentenza CESM Galicia.
Escribe tu comentario