Raúl García golpea dobremente ao Dépor
O Athletic leva os tres puntos de Riazor, grazas a un solitario gol de Raúl García, que, ademáis, lesionou ao debutante Joselu. Sidnei saíu con molestias musculares.
Joselu Marchou mancado nun xeonllo. //Foto: RCDeportivo
Un único gol de Raúl García serviulle ao Athletic de Bilbao para levar de Riazor os que son os primeiros puntos da temporada para o conxunto vasco. O encontro foi pouco vistoso, pero serviu para ver os primeiros minutos de Liga das últimas fichaxes herculinas: Joselu Mato e Marlos Moreno. O primeiro deles foi titular, mentres o colombiano entrou pasada a hora de xogo por Carles Gil.
Precisamente, Joselu tivo que marchar antes de tempo na súa estrea por culpa dunha durísima entrada de Raúl García, que viu o cartón amarelo pola acción, cando ían 19 minutos de xogo. O dianteiro galego intentou continuar, pero durou só uns cinco minutos máis sobre o céspede ata que se retirou polas molestias nun xeonllo. O club só comunicou que nos próximos días se sometará aos exames médicos pertinentes. Na segunda parte, tamén Sidnei encarou o vestiario antes de tempo, por culpa dunhas molestias musculares na zona dos isquiotibiais da perna dereita.
En canto ao partido, o Athletic foi mellor en defensa e fixo valer o golazo pola escadra de Raúl García cando xa agardaban polo descanso. O Dépor xogara mellor ata aquela. Na segunda parte desapareceu o fútbol pola ansia do equipo coruñés de remontar e dos vascos por romper o gafe de Riazor, onde levaba dez anos sen gañar. Para a polémica queda o gol anulado a Andone por un fóra de xogo dubidoso.
Escribe tu comentario