Máis de 6.100 hectáreas queimadas en dous días
Segue o risco para vivendas no incendio de Entrimo. Hai outros tres lumes activos nas provincias de Ourense e Lugo.
Os incendios forestais rexistrados nas últimas 48 horas arrasaron xa máis de 6.100 hectáreas. Esta mañá continúa o risco para as vivendas nun dos lumes, no de Entrimo. Hai outros tres incendios activos, 7 controlados e 2 estabilizados.
SITUACIÓN 2
Entrimo
Permanece decretada a “Situación 2”, como medida preventiva, no lume activo arestora no concello de Entrimo, parroquia da Illa. O lume comezou o martes ás 18:46 horas e tamén afecta ao municipio colindante de Lobios. Segundo novas estimacións, a superficie afectada é de 2.500 hectáreas. No seu control traballan 12 axentes, 39 brigadas, 24 motobombas, 2 pas, 8 helicópteros e 3 avións. Tamén colaboran efectivos dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais e bombeiros comarcais.
ACTIVOS
Lobeira
Un novo incendio declarado no concello ourensán de Lobeira, na parroquia da Fraga, eleva a catro os lumes activos en Galicia, despois de que se dese por estabilizado o de Boborás.
Segundo informa o 085 afecta polo momento a 20 hectáreas.
Navia
Desactivada a “Situación 2” no incendio rexistrado onte ás 21:08 horas no concello de Navia de Suarna, parroquia de Rao, e que arestora permanece activo. Segundo as primeiras estimacións, a superficie afectada é de 90 hectáreas. No lugar levan traballado 1 técnico, 7 axentes, 16 brigadas, 11 motobombas e 1 pa. Tamén colaboran efectivos dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais.
Oímbra
Permanece activo o lume do concello de Oímbra, parroquia de Bousés, que comezou o martes ás 14:05 horas da tarde. Segundo últimas estimacións, afecta unha superficie de 1.500 hectáreas. Nos labores de extinción levan participado 3 técnicos, 20 axentes, 48brigadas, 17 motobombas, 3 pas, 10 helicópteros e 4 avións. Tamén colaboraron efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME), medios da Deputación de Ourense, bombeiros municipais e efectivos de Protección Civil.
CONTROLADOS
Boiro
Controlado ás 06:10 horas desta mañá un lume que comezou onte ás 21:26 horas no concello de Boiro, parroquia de Bealo. Segundo as primeiras estimacións, a superficie afectada é de 35 hectáreas, das cales 15 son arboradas e 20 rasas. No lugar están traballando 1 técnico, 7 axentes, 17 brigadas e 13 motobombas.
A Fonsagrada
Controlado desde as 21:38 horas de onte o incendio rexistrado na Fonsagrada, parroquia de Paradavella, que comezou ás 08:34 horas dese día. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 104 hectáreas, das cales 44 son arboradas e 60 de monte raso. No lugar levan traballado 1 técnico, 5 axentes, 26 brigadas, 19 motobombas, 2 pas, 6 helicópteros e 3 avións.
Chantada
Continúa controlado desde as 06:11 horas do luns o incendio rexistrado na localidade lucense de Chantada, parroquia de Requeixo, que se iniciaba o domingo ás 15:04 horas. Segundo as últimas estimacións provisionais, a superficie afectada é de 106,44 hectáreas, das cales 49,14 son arboradas e 57,3 rasas. Levan traballando na súa extinción 1 técnico, 10 axentes, 45 brigadas, 19 motobombas, 3 pas, 13 helicópteros e 3 avións.
Muíños
O lume rexistrado no concello de Muíños, parroquia de Requiás, declarouse ás 06:45 horas do martes e quedou controlado ás 19:30 horas de onte. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de máis de 800 hectáreas, todas elas dentro do Parque Natural do Xurés. No seu control traballaron 2 técnicos, 7 axentes, 36 brigadas, 8 motobombas, 3 pas, 10 helicópteros e 7 avións. Tamén colaboraron efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME), de Protección Civil e Grupos de Emerxencias Supramunicipais.
Tamén quedou controlado ás 9:05 horas desta mañá o lume rexistrado neste mesmo concello, parroquia de Parada de Ventosa, tras iniciarse ás 18:00 horas de onte. Segundo as primeiras estimacións, a superficie afectada supera as 20 hectáreas. Levan traballando no seu control 3 axentes, 7 brigadas, 7 motobombas e 1 helicóptero.
Lobeira
Controlado ás 13:10 horas de onte o incendio de Lobeira, parroquia da Fraga, que comezaba esa madrugada ás 00:00 horas. Segundo as últimas estimacións, a superficie afectada é de 75 hectáreas. Participanna súaextinción 7 axentes, 19 brigadas,12 motobombas e 3 helicópteros.
O Carballiño
O martes ás 22:18 horas comezaba un lume no concello do Carballiño, parroquia de Lobás, que quedaba controlado onte ás 18:51 horas e cuxa superficie afectada é de 40,8 hectáreas, das cales 38 son arboradas e o resto monte raso. Na súa extinción levan participado 5 axentes, 12 brigadas e 10 motobombas.
O Barco de Valdeorras
Esta madrugada quedaba controlado un incendio no Barco de Valdeorras, parroquia do Barco, tras comezar ás 17:35 horas de onte. Segundo as primeiras estimacións, afecta unha superficie de 25 hectáreas, das cales 20 son arboradas e o resto rasas. Levan traballando alí 7 axentes, 14 brigadas e 5 motobombas.
ESTABILIZADO
Boborás
Dende as 16:44 horas de onte estaba activo un lume no concello ourensán de Boborás, parroquias de Brués e Xurenzás, que segundo as últimas estimacións sitúase nas 600 hectáreas.
No seu control traballan 35 axentes, 72 brigadas, 48 motobombas, 2 pas, 4 helicópteros e 2 avións. Tamén colaboran efectivos de Protección Civil e de Grupos de Emerxencia Supramunicipais.
Monterrei
Desactivouse esta mañá a “Situación 2” no lume de Monterrei, parroquia de Vences. Iniciouse ás 13:56 horas e quedou estabilizado ás 7:22 horas desta mañá. Segundo novas estimacións, a superficie afectada é 238 hectáreas. No seu control levan traballado 2 técnicos, 6 axentes, 18 brigadas, 10 motobombas, 1 pa, 4 helicópteros e 4 avións. Tamén colaboran efectivos de Protección Civil e bombeiros comarcais.
Escribe tu comentario