O PPdeG ve "irrenunciable" o AVE a Galicia en 2018
Os populares tamén prometen “o impulso” da alta velocidade a Lugo, compromiso contra o cambio climático, máis autogoberno e un paquete de medidas para previr a corrupción.
Os populares galegos inclúen no seu programa electoral para as eleccións autonómicas do 25 de setembro a súa aposta pola mobilidade, á vez que sitúan "o AVE a Galicia e a súa chegada no ano 2018" como un alicerce "irrenunciable" para o partido que lidera Alberto Núñez Feijóo.
"Por iso, aínda que seguiremos traballando para a mellora dos servizos de ferrocarril convencional, é necesario agora acabar os traballos da liña de alta velocidade Madrid-Galicia, que nos permitirán achegarnos a Madrid en tres horas", recolle o documento de medidas co que o PPdeG concorre o 25-S.
Os populares tamén prometen de forma xenérica, o "impulso" da alta velocidade a Lugo. "Os lucenses non poden quedar ás portas da alta velocidade e deben darse os pasos precisos para que a alta velocidade chegue de Ourense a Lugo", constata o PPdeG.
Así mesmo, promete promover a ampliación do Eixo Atlántico ata a fronteira portuguesa, "finalizando a conexión das principais cidades da fachada oeste peninsular".
CAMBIO CLIMÁTICO
Por outra banda, no apartado ambiental, os populares expoñen a creación da Asociación Galega de Sustentabilidade Ambiental de Galicia, con obxectivos como o de "provocar un cambio" na mentalidade empresarial e social sobre a necesidade "inevitable" de acelerar "a transición cara á sustentabilidade", entre outros.
Tamén expoñen impulsar a creación dun foro de comunidades contra o cambio climático, con Asturias, Castela e León e o Norte de Portugal.
TRANSFERENCIA DA AP-9
O PPdeG reivindícase, no seu programa para as eleccións do 25 de setembro, como defensor do autogoberno e proponse, "coa mellora da situación económica e dos ingresos" nas administracións públicas, "recobrar a axenda de traspasos pendentes" con Madrid, "empezando" pola transferencia da AP-9.
No documento que abandeira Alberto Núñez Feijóo como candidato, tamén se inclúen outras transferencias como a inspección de traballo ou as competencias en ordenación do litoral ou inspección e vixilancia pesqueira, entre outras; así como reformular a negociación da transferencia das competencias en materia de Tráfico.
Así mesmo, garante que un Goberno do PP na Xunta "continuará defendendo que as reformas da organización do poder entre niveis de Goberno en España" e reivindica a Conferencia de Presidentes autonómicos, no ámbito dos executivos.
O programa popular tamén avoga por unha reforma do Senado para potenciar "o seu tépedo papel actual" de Cámara de representación territorial
IMPULSO DEMOCRÁTICO
Así, o programa constata que "todas as persoas do PPdeG con responsabilidades públicas" no Parlamento e no Goberno autonómico "se comprometerán cos códigos éticos internos do grupo parlamentario e do goberno".
Neles limítase o "cesamento ou dimisión inmediata" a aqueles cargos dos que se teña "constancia fidedigna" dun comportamento "inapropiado" para un cargo público.
O CARGO, A DISPOSICIÓN DO GRUPO
Ante procedementos xudiciais e a ausencia da mencionada "constancia fidedigna", os cargos públicos informarán de calquera investigación xudicial que lles sexa aberta e poñerán o seu cargo a disposición da dirección do grupo cando lles fose notificado o procesamento ou a apertura de xuízo oral.
En todo caso, os cargos electos e nomeados polo PPdeG comprométense ao uso "adecuado e austero" de todos os medios que as institucións poñan á súa disposición para "o bo desempeño das súas obrigacións".
Escribe tu comentario