O organizador do 'trail' da Fonsagrada agrede o seu concelleiro de deportes
Segundo o edil, que acabou no hospital, ao agresor non lle gustaron as instalacións habilitadas para os participantes, que cualificou de "campamento de refuxiados".
Corredores nun trail.
O concelleiro de deportes do Concello da Fonsagrada, Carlos López, foi agredido polo organizador dunha proba de trail de montaña, carreira a pé, celebrada o fin de semana na parroquia de Piñeira.
O propio edil relatou que a orixe da agresión produciuse despois de lle comunicar ao organizador que os participantes, sobre corenta, debían aloxarse na escola fogar, onde se habilitaron colchóns, porque outras instalacións municipais estaban ocupadas ao celebrarse tamén no municipio unha mostra folklórica.
O agresor espetoulle tanto a el como ao técnico de deportes do consistorio que "aquilo" parecía "un campamento de refuxiados", e, segundo o relato do concelleiro, cando lle tentou ofrecer explicacións, o organizador abalanzouse sobre el, o sábado pola tarde, e propinoulle "catro ou seis puñadas".
Tras o ataque trasladárono ao centro de saúde e logo ao hospital Lucus Augusti, onde lle practicaron distintas probas e lle deron dous puntos de sutura no beizo superior. As lesións, segundo confirmou Carlos López, producíronse sobre todo na cara. O mesmo día, ese sábado, foi dado de alta e cursou denuncia ante a Garda Civil.
O concelleiro desvinculou estes feitos dos veciños de Piñeira e "do resto da organización", xa que "non teñen nada que ver coa actitude que mostrou esta persoa".
É a terceira vez que se celebra esta carreira e López destacou o "bo traballo" que realizan os promotores da proba, aínda que cuestionou que á fronte "quizais non está a persoa máis idónea".
Ao agresor describiuno como "un mozo que vive en Londres o resto do ano" e que organiza carreiras de montaña "durante o mes de agosto". "Sempre nos pide a colaboración do concello e nesta edición, coma noutras anteriores, ofrecémoslla. Enviamos unha brigada do concello para a limpeza e a roza do percorrido por onde ía pasar a carreiras e facilitamos todas as infraestruturas para o seu desenvolvemento", subliñou.
Escribe tu comentario