Támara Echegoyen camiña cara ao ouro
A galega lidera a clase FX 49er de vela e ten por diante dúas xornadas. Desigual fortuna para outros deportistas españois.
Támara Echegoyen e Berta Betanzos.//Foto: @laliga4sports
Támara Echegoyen xa lidera a clase FX 49 de vela e reforza a súa candidatura para as medallas. A actual campioa olímpica e a súa compañeira Berta Betanzos teñen por diante dúas xornadas máis. No cadro masculino non vai tan ben o 49er, Botín e o galego Iago López son decimosegundos na xeral a un punto da Médal Race.
No atletismo, o español Orlando Ortega aspira a un metal despois de se clasificar para a final como o máis rápido na súa serie dos 110m valas. A chuvia non freou o atleta nacido en Cuba, que fixo o cuarto mellor tempo de toda a sesión, con 13,32 segundos. Chega, porén, coa terceira mellor marca de todos os participantes.
En baloncesto, esta madrugada a selección española rematou a fase de grupos cunha vitoria fronte a Arxentina (92-73) que lle dá o segundo posto e concede o pase a cuartos de final, onde agarda Francia. Arxentina estaba xa clasificada.
As seleccións de hockey e waterpolo feminino de España quedaron fóra da loita polas medallas. As de waterpolo perderon ante Rusia (12-10) e despídense do soño de revalidar, polo menos, a medalla de prata obtida en Londres 2012. No caso das de hockey, perderon (3-1) ante Gran Bretaña nun partido onde a porteira María López de Eguilaz impediu un resultado máis abultado.
As probas que desataron a euforia no estadio olímpico esta madrugada foron as de salto con pértega masculino e os 400m femininos.
O atleta brasileiro Thiago Braz da Silva proclamouse campión olímpico cun salto de 6,03 metros, 10 centímetros por riba da súa marca, que lle serviu para derrotar o defensor do título,o francés Renaud Lavillenie, que quedou en 5,98 e tivo que soportar os apupos de parte dos siareiros locais presentes no estadio.
Pero o triunfo máis agónico dos Xogos foi o da corredora Bahameña Shaunae Miller nos 400m. A atleta rematou a proba lanzándose en prancha para evitar a remontada da norteamericana Allyson Felix, que parecía ser a gañadora. A das Bahamas é a primera atleta da historia con cinco medallas de ouro olímpicas.
Escribe tu comentario