Remata no hospital por un disparo un home atrincheirado no seu domicilio en Ourense
Un equipo de mediadores da Policía conseguiu que desistise das súas intencións. Disparouse na cara cando pousaba a arma, pero non se teme pola súa vida.
Imaxe do hospital de Ourense.
O barrio ourensán das Lagoas viviu durante a tarde deste luns momentos de tensión despois de que un veciño da rúa Bernardo González Cachamuíña se atrincheirase armado no seu domicilio e ameazase con se disparar. Tras 12 horas de peche, o home realizou un disparo accidental que levou ao desenlace da situación e ao seu traslado ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, onde permanece ingresado.
Segundo fontes próximas á investigación, o home, duns 60 anos, atrincheirouse sobre as 16,00 horas no seu domicilio cunha arma, coa que ameazaba con dispararse se non conseguía ver a súa parella, coa que mantivera unha discusión.
Efectivos de Policía Nacional, co seu equipo de mediadores, e da Policía Local, interviñeron no dispositivo para tentar que o home desistise nas súas intencións. Tamén foi mobilizada ata a zona unha ambulancia do 061.
Dada a expectación xerada e para garantir a seguridade das persoas, os corpos de seguridade restrinxiron o acceso ao edificio onde se atopaba e pediron precaución para circular pola zona.
Ao redor das 4,00 horas da madrugada, tras 12 horas atrincheirado, o home realizou un disparo accidental. A bala entroulle pola boca e saíulle polo nariz. O disparo que precipitou a intervención dos axentes e da ambulancia, que o traladó ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, onde permanece ingresado sen que se tema pola súa vida.
Escribe tu comentario