Feijóo defende os pactos co nacionalismo
Responde á ameaza de Rivera de dar un non a Rajoy se o PP reedita acordos cos nacionalistas. Defende que non están dispostos a "conseguir unha investidura" a calquera prezo.
Alberto Núñez Feijóo defende que que se pode chegar a pactos "útiles" con formacións nacionalistas, sen que iso signifique "renunciar" á Constitución, e exemplifica con acordos co BNG en Galicia.
Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, tras ser preguntado pola advertencia do líder de Ciudadanos (C's), Albert Rivera, en relación á posibilidade de cambiar unha abstención polo non se o PP pacta con nacionalistas, Feijóo asegurou que o PP non está disposto a "conseguir unha investidura" a cambio de "diminuír o compromiso coa defensas dos principios da convivencia".
"Nin o fixemos nin o imos a facer", esgrimiu, antes de matizar que, en todo caso, é "de sentido común" entender que a Cámara debe estar presidida "polo partido que gañou as eleccións". "Calquera partido, nacionalistas incluídos, pode velo", remarcou, para engadir que a postura do PP sobre a Constitución "non está en cuestión".
A modo de exemplo, lembrou que o PPdeG selou acordos "útiles" en Galicia co BNG e "non así" co PSOE. "O comportamento inicial do BNG contribuíu a un acordo sobre o sistema financeiro que axudou a que haxa unha entidade (Abanca) con domicilio social en Galicia", rememorou, antes de aludir ao respaldo do Bloque á prescrición de xenéricos.
"Grazas a ese decreto, Galicia aforrou máis de 200 millóns que se puideron dedicar a infraestruturas hospitalarias. Iso non significa que o PPdeG renuncie á Constitución e ao Estatuto de Autonomía", sentenciou.
"FINAL DA BIOGRAFÍA POLÍTICA" DE TODOS Os DIRIXENTES
Dito isto, reafirmouse en que hai "dúas" opcións sobre a mesa: "ou investir presidente ao candidato que gañou", Mariano Rajoy, ou "unhas terceiras eleccións". "Non hai unha alternativa adicional, híbrida; non podemos aceptar outro presidente que non sexa o que gañou dúas veces consecutivas", sinalou.
E é que, engadiu, o resultado do 26J foi "o suficientemente claro" para que "todos os dirixentes políticos en España entendan que unhas terceiras eleccións serían o final da súa biografía política".
De novo, dirixiuse con especial intensidade ao PSOE, o partido que "máis veces e máis tempo, 22 anos", gobernou en España, convencido de que se atende "máis" aos intereses do seu país que "aos dos actuais responsables" do seu partido, "haberá investidura no mes de agosto e Goberno de España".
Escribe tu comentario