Evacúan cinco bombeiros forestais feridos nun incendio en Ribas de Sil
Un dos traballadores, condutor de motobomba, está grave. "Un cambio na dirección do vento" acurralou os traballadores.
Cinco bombeiros forestais resultaron feridos nun incendio forestal en Ribas de Sil (Lugo), un deles grave e os outros catro leves, mentres traballaban no control dun lume na parroquia de San Clodio.
Segundo informa a Xunta, os traballadores víronse afectados por "un cambio de dirección no vento", que provocou "unha variación brusca do sentido das chamas".
En concreto, un condutor de motobomba é o que está ferido grave por queimaduras, o cal foi trasladado de urxencia ao hospital da Coruña.
O resto de feridos son un técnico e un axente que sufriron queimaduras, outro condutor de motobomba que presenta contusións tras envorcar o vehículo que conducía e un peón que sufriu un golpe de calor. Todos eles foron trasladados a hospitais de Monforte e A Coruña.
O incendio comezou ás 15,43 horas deste luns e quedou controlado sobre as 20 horas. Segundo as primeiras estimacións a superficie afectada son 18 hectáreas de monte arborado. No lugar traballan cinco helicópteros, dous avións, catro motobombas, dez brigadas, dous técnicos, catro axentes e unha pa.
Escribe tu comentario