Falece o escritor Agustín Fernández Paz
É un dos máis recoñecidos da literatura galega contemporánea e as súas obras adóitanse traducir ao resto de linguas de España.
O escritor lugués Agustín Fernández Paz, un dos máis recoñecidos da literatura galega contemporánea, faleceu este martes no seu domicilio de Vigo aos 69 anos, segundo confirmaron desde a editorial Xerais.
É autor de máis de cincuenta títulos, dirixidos preferentemente a lectores infantís ou xuvenís. En 2015 publicou tres obras, O segredo da illa Negra, A neve interminable e Amizades secretas. Os seus libros, escritos en galego, tradúcense habitualmente ás outras linguas españolas: castelán, catalán e eusquera. Tamén ten diversos títulos traducidos ao portugués, coreano, búlgaro, inglés, chinés, árabe francés e italiano.
Ademais de Perito Industrial Mecánico, Agustín Fernández Paz é Mestre e Licenciado en Ciencias da Educación. Traballou como docente durante máis de trinta anos, nos distintos niveis do ensino primario e secundario. Ademais desta dedicación á docencia, desenvolveu unha ampla actividade teórica e divulgativa, centrada en temas como a promoción da lectura, a introdución dos medios de comunicación na aula, a didáctica da lingua ou a normalización da lingua galega nos ámbitos escolar e social.
CONDOLENCIAS
Nun comunicado, a editorial Xerais expresou as súas condolencias polo falecemento do literato e o seu persoal mostrouse "profundamente entristecido" pola súa desaparición. "Con Agustín Fernández Paz, Galicia perde non só un escritor excepcional, senón un referente ético de primeira magnitude", indica a editorial, para quen o "prestixio dos seus libros" deu a coñecer "en diversos países do mundo o valor da literatura infantil e xuvenil galega".
Escribe tu comentario