Feijóo arrinca a campaña anunciando novas axudas no sector lácteo
Cunha orde que concretará axudas para quen queira investir en 2016 "na transformación láctea".
Alberto Núñez Feijóo estrenou a campaña nunha explotación leiteira, afirmando o seu "compromiso" co sector e adiantando a resolución "a semana próxima", dunha orde que concretará axudas para quen queira investir en 2016 "na transformación láctea".
"E o número de solicitudes rexistradas reflicte que é unha cantidade importantísima a de xente que segue crendo no sector", subliñou Feijóo, quen inaugurou a carreira cara ás urnas na cooperativa lucense Penaval, integrada por oito socios que previamente fusionaron catro explotacións. Agora contan con 250 vacas de ordeño, 120 novillas e 120 hectáreas de produción.
Feijóo chamou a seguir o seu "exemplo", convencido de que a unión de esforzos é o único camiño para "seguir vivindo" dun sector que sinalou como "a base de boa parte da economía galega". "E seguirao sendo nun futuro", avanzou.
Acompañado de Joaquín García Díez e José Manuel Barreiro, candidatos ás Cortes, entre outros dirixentes populares, e de membros da cooperativa, Feijóo subliñou que a economía galega non se pode entender "sen o sector gandeiro e o lácteo". Así, esgrimiu que Galicia "nunca, nunca, nunca esquecerá" que este constitúe "un sector estratéxico" para a súa economía e emprego.
Consciente diso, apelou a ver o sector "en positivo", como "aposta de futuro e non como unha reliquia do pasado", e avogou por "empregarse" en buscar solucións no canto de "sementar dúbidas", centrarse en "tentar solucionar problemas" e non en "buscar o rédito político", como suxeriu que fan os seus rivais políticos.
VACAS CON NOME DE MULLER
Hai no PPdeG quen considera un 'amuleto' que Alberto Núñez Feijóo teña unha foto entre vacas na campaña electoral. Tívoa en 2009 e logrou arrebatar a Xunta ao bipartito á primeira, e nesta nova carreira electoral, que en Galicia se concibe como un 'ensaio' para as autonómicas de outono, o presidente galego elixiu unha granxa en Lugo para o seu persoal pistoletazo de saída.
A súa visita á cooperativa Penaval, que factura case un millón de euros, fixo lembrar a algúns dos presentes que viviron a campaña de 2009 unha das anécdotas que xa marcaron a historia do presidente e que tivo lugar, precisamente, cando o entón líder da oposición preguntou ao propietario dunha explotación "por que as vacas tiñan nome de muller".
A pregunta do dirixente popular e a graciosa resposta do gandeiro --quen alegou que non lles ía a poñer nome de home porque eran "vacas"--, encheu entón as crónicas dos xornais e aínda que a contorna de Feijóo aclarou despois que o presidente quixo preguntar "por que non recibían nomes como Loura ou Galega", como é habitual en Galicia, permanece no imaxinario popular.
O peso desta anécdota, que hoxe moitos no PPdeG lembran mesmo con agarimo, non impediu que Feijóo continúe cos seus actos para os sectores gandeiro e lácteo nin como presidente nin como líder do PPdeG. E nesta nova carreira cara ás urnas, decidiu empezar, segundo as súas propias palabras, "polo principio" de Galicia, que "segue sendo o medio rural".
Así, tras unhas semanas de precampaña con intensa aprobación de medidas sociais, para os empregados públicos e tamén para o sector primario, Feijóo lanzouse de cheo a por o voto rural, tradicional caladoiro para os populares en provincias como Lugo e Ourense, e tamén un asidero para poder concentrar as súas críticas nos partidos emerxentes.
Escribe tu comentario