Nélida Piñón, elexida académica de honra da Real Academia Galega
Na sesión plenaria da Academia celebrada o luns, a escritora brasileira Nélida Piñón foi elixida membro de honra de Academia.
Nélida Piñón Cuiñas naceu en Rio de Janeiro, Brasil, o 3 de maio de 1937, filla de pais galegos procedentes de Cotobade e Carballedo (Pontevedra), onde todavía conserva familiares.
Licenciada en Xornalismo, formouse na Facultade de Filosofia da Pontificia Universidade Católica do Rio de Janeiro, Brasil.
Para alén do seu recoñecemento internacional que innúmeros premios, galardóns e distincións en países Latinoamericanos así como en Galicia, España, Francia ou Portugal acreditan, esta figura das letras e da acción cívica brasileira acolle un valor singular para a Real Academia Galega non soamente pola reivindicación explícita, pública e reiterada, da súa orixe galega, senón por situar a mesma en termos contemporáneos, é dicir, como constituínte da súa identidade persoal, expresiva e intercultural.
A maior abondamento, esta escritora -referencia na listaxe de finalistas á candidatura ao Nobel de Literatura- é unha intelectual que toma posición a prol da cultura e a lingua galegas, cualificando esta como "lingua de seu, soberana". Velaí a súa participación activa en diferentes eventos e manifestacións culturais en Galicia e na promoción da versión galega de obras como A República dos Soños, unha novela que os estudosos e estudosas cualifican como a literatura con maiúsculas da nosa emigración que, ademais, é a obra máis premiada da autora, tanto pola crítica como por institucións e asociacións profesionais.
Escribe tu comentario