A Torre de Hércules remata 2015 co maior número de visitantes dos últimos tres anos
Máis de 117.000 persoas coñeceron o monumento Patrimonio da Humanidade até o pasado 30 de decembro
A Torre de Hércules finaliza o ano 2015 coa mellor cifra de visitantes dos últimos tres anos. En total, o monumento Patrimonio da Humanidade recibiu, desde o 1 de xaneiro até o 30 de decembro, a visita de 117.427 persoas, un dato que supera en máis de 3.500 usuarios e usuarias o rexistro do ano anterior, 113.849, e tamén o do exercicio de 2013, no que se achegaron ao monumento 116.946 persoas.
Ao longo de todo o ano, a Torre rexistrou un aumento sostido de visitantes, cunha importante afluencia nos meses de verán (xullo a setembro), onde sumou a cifra de 58.012. O peche do acceso ao monumento polas condicións meteorolóxicas adversas no mes de agosto no impediu a mellora do rexistro obtido no período estival respecto ao ano anterior, que dá conta da visita de 57.318 persoas.
Durante 2015 a maior parte das e dos visitantes que se achegaron á Torre de Hércules proceden doutras zonas e cidades do Estado, unha cifra (72%) que creceu un punto respecto ao ano pasado (71%).
Galicia foi a comunidade autónoma que aportou o maior número de visitas (29%), seguida de Madrid (14%), Andalucía (10%) e Castela e León (8%).
No plano internacional, Europa (18%, fronte o 17% do 2014) e América (7%) foron os continentes dos que chegaron o maior número de turistas do estranxeiro. O 3% restante repártese entre Asia, África e Oceanía que, aínda con cifras pequenas, aumentan o número de países aos que chega o coñecemento do faro patrimonio da humanidade.
Os países europeos que máis visitantes aportan ao rexistro son Francia (16%), Portugal e Reino Unido (14%), Italia (13%) e Alemania (12%). Pola súa banda, a meirande parte das visitas chegadas desde América proceden dos Estados Unidos (27%), Arxentina (22%), México (11%), Brasil (10%) e Venezuela (7%).
Escribe tu comentario