O PP galego reivindícase e enxalza a figura de Feijóo como líder "habilitado para asumir calquera responsabilidade"
"Feijóo é un líder dentro e fóra do partido". A proclama lanzouna o secretario xeral do PP galego, Miguel Tellado, quen sen confirmar a "decisión personalísima" de se concorrerá ao congreso extraordinario de abril porque "non lle corresponde" facelo, centrou a súa intervención en reivindicar os logros da formación galega baixo o mandato de Alberto Núñez Feijóo, un "líder" cuxa xestión e traxectoria "habilítanlle para asumir calquera responsabilidade".
En consonancia co control dos tempos que quere o presidente galego e a pesar de que no partido dáse por feito que dará o paso, Tellado evitou calquera confirmación explícita, pero o propio formato da rolda de prensa, centrada na situación orgánica do PP, contrasta coas "cuestións de actualidade" que habitualmente adoitan centrar as súas comparecencias dos venres.
Neste caso, no marco da crise sen precedentes aberta no PP a raíz do enfrontamento entre a dirección nacional de Pablo Casado e a presidenta de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, o secretario xeral dos populares galegos arrincou a súa intervención como unha petición de "desculpas" polos "erros" dos últimos días, á vez que resaltou a importancia de facer "unha sincera e profunda autocrítica" para saír fortalecidos.
"O noso partido a nivel nacional non estivo á altura", proclamou, antes de subliñar que o PPdeG é "o primeiro partido" da Comunidade, e de resaltar que está disposto a implicarse de pleno no reto de "rearmarse" e de preparar "un gran congreso" que escoite á militancia e "unha a todo o partido" ao redor dun novo liderado.
"Estamos preparados", aseverou, en relación a ofrecer un proxecto de país "sensato e sen estridencias" que "free os nacionalismos e populismos" --como "xa se fixo en Galicia", esgrimiu, en alusión a que nin Vox, nin Cidadáns, nin a denominada esquerda rupturista ten representación no Parlamento galego--, e que "reduza a presión fiscal que devora a economía".
NON HABERÁ CONFIRMACIÓN ATA QUE O CONGRESO SEXA CONVOCADO
E preguntado acerca de se será máis sinxelo para o PPdeG implicarse no novo proxecto do PP se o encabeza Feijóo, recalcou que a formación galega "sempre" se implicou e que calquera afiliado poderá dar o paso unha vez que se abra o prazo para presentar a precandidatura, pero non escatimou en eloxios para Feijóo.
"Ten unha experiencia de xestión importante, unha experiencia política que o habilita para calquera responsabilidade. Feijóo é un líder detnro e fóra do partido", proclamou, após admitir que en Galicia "hai un afiliado cara ao que moitos españois miran en busca de solucións".
"Ese afiliado, que se chama Alberto Núñez Feijóo, ten que tomar unha decisión e facela pública. Estou seguro que non o fará antes de que ese congreso sexa convocado", engadiu, sen querer "especular" nin falar de "futuribles" no que respecta aos pasos que haberá que dar en Galicia --na Xunta e no PPdeG-- se Feijóo confirma a súa marcha, aínda que os escenarios que se abren centran as conversacións con calquera dirixente popular na Comunidade.
Escribe tu comentario