VALEDORA DO POBO, GALICIA
Milagros Otero toma posesión como Valedora do Pobo
A catedrática de Filosofía do Dereito convértese na primeira muller que toma posesión do cargo
Milagros María Otero Parga, catedrática de Filosofía do Dereito da USC toma posesión como Valedora do Pobo, no Parlamento de Galicia, acompañada do Presidente da Xunta e outras autoridades.
Milagros Otero Parga tomou este mércores posesión como Valedora do Pobo, a primeira muller que ocupa este cargo de alta comisionada do Parlamento de Galicia.
O acto foi presidido na sede da Cámara polo seu titular, Pilar Rojo, e o da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e a el asistiu tamén a Defensora do Pobo, Soledad Becerril, así como representantes doutras institucións como o Tribunal Superior, Consello de Contas, Consello de Relacións Laborais e das universidades galegas.
Entre as delegacións dos grupos parlamentarios non se atopaban os de Age e BNG, que non participaron no acordo entre PP e PSOE para cubrir outras vacantes de entes e institucións, como o propio Consello de Contas ou o consello de administración da CRTVG, aínda que si acudiu Carmen Iglesias, do Grupo Mixto.
Tamén asistiron representantes municipais, entre eles o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, ou a tenente de alcalde de Santiago, María Rozas, dado que o rexedor compostelán, Martiño Noriega, reúnese esta tarde en Madrid coa ministra de Fomento, Ana Pastor.
Escribe tu comentario