Centos de persoas manifestáronse en Vigo, convocadas por UGT e CC.OO., para proclamar que "é o momento de recuperar dereitos sociais e laborais" e "rescatar ás persoas".
No marco dunha campaña de mobilizacións que levan a cabo en toda España e tamén nas principais cidades de Galicia celebrouse esta marcha reivindicativa en Vigo, na que participaron os secretarios xerais de UGT e CC.OO. en Galicia, José Antonio Gómez e Xosé Manuel Sánchez Aguión, e que discorreu baixo unha intensa choiva.
O responsable de UGT en Galicia afirmou que a recuperación económica da que fala o Goberno "non chega ás familias" e subliñou que "se hai diñeiro para rescatar autoestradas, debería habelo para rescatar ás persoas".
José Antonio Gómez reivindicou o inicio de "un novo tempo de diálogo", aproveitando a perda da maioría absoluta do PP. Con todo, precisou que ese diálogo ten uns "condicionantes": derrogar a reforma laboral, garantir o sistema público de pensións e implantar unha prestación mínima de ingresos "para quen quere traballar e non pode".
Na mesma liña, Sánchez Aguión criticou os rescates millonarios de entidades financeiras e autoestradas, mentres a sociedade é "máis desigual que nunca" e está "empobrecida ata niveis insoportables". "Queremos dicir xa abonda, chegou o momento de pensar nas persoas", proclamou.